Amosando publicacións coa etiqueta 1BACH. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1BACH. Amosar todas as publicacións

martes, 2 de decembro de 2025

Proxecto Nós: as tecnoloxías para a lingua

 O pasado 27 de novembro o alumnado de STEMBACH do IES e mais algúns profesores tivemos a sorte de acudir ao ILG para coñecer de primeira man o Proxecto NÓS, proxecto que ten como obxectivo principal fomentar a presenza dixital do galego. Fomos recibidos pola directora do centro, Elisa Fernández Rei e por María ÁLvarez de la GRanja. E amais puidemos asistir a unha estupenda presentación a cargo de Adina Vladu que nos serviu para despois poñer en práctica distintas ferramentas informática. Día de moita aprendizaxe.



 

mércores, 7 de maio de 2025

O Dr. Carlos Rábade e Borja Iglesias, en campaña contra o tabaquismo

 Onte 6 de maio o alumnado de 1BACH asistiu a unha campaña a prol do estilo de vida saudable e contra a tabaquismo que organizamos xunto coa Fundación Celta de Vigo. Neste caso, contamos coa presenza do director da Fundación, Germán Arteta e do patrono Rubén Martínez. A parte profesional púxoo o pneumólogo do CHUS, o Dr. Carlos Rábade e apoiando esta campaña o xogador picheleiro do Celta, Borja Iglesias.

Na hora da quenda de preguntas, produciuse un intercambio moi animado, sobre todo co futbolista, ao redor de moitos temas. Velaquí por exemplo, a resposta ao tema do seu posicionamento coa nosa lingua:


 Tan só podemos agradecer á Fundación Celta de Vigo, ao Dr. Rábade e ao xogador Borja Iglesias por permitirnos desfrutar dunha tarde ben interesante e frutífera. A mágoa que nos queda é a de non ter una salón de actos máis grande ante o interese suscitado.


 


luns, 5 de maio de 2025

Celebrando co AE Vale do Tamel de Barcelos

 A semana despois de Pascua tivemos no centro unha ducia de alumnas e alumnos do AE Vale do Tamel de Barcelos, Na xornada do xoves 24 de abril, as nosas alumnas de 1ESO do EDL déronlles un curso de regueifas cunha mestrá inusitada. E despois, o alumnado do EDL de 1 BACH ensinoulles a botar un punto.

E ao día seguinte celebramos o 25 de abril na praza Zeca Afonso. E cantamos o Grândola mais definitivamente temos que ensaiar máis







 

martes, 14 de novembro de 2023

100 VOLTAS: Verónica Codesal, Didier Laloy e Damien Chierici

 Este martes 14 de novembro estou seguro que boa parte do noso alumnado o vai lembrar polo que desfrutou no concerto desta banda que, dende Bruxelas, non só aprecian enormemente a nosa cultura senón que tamén fan música. No medio da súa xira 100 VOLTAS ( non a perdades) deron +1 VOLTA e chegaron a Salgueirinoños para pórnos a cantar e bailar como poucas veces. Grazas pola vosa xenerosidade e compromiso con nós, coa nosa cultura, coa nosa xente e coa nosa educación. Un vrai plaisir.

Desculpade o vídeo que non honra o vivido hoxe pero é para que vos deades unha idea.


sábado, 19 de novembro de 2022

Polo mes da ciencia: S. Castro, profesora de Química da UDC

 O xoves 17 de novembro celebramos o mes da ciencia en galego. E desta volta contamos coa presenza da Dra. Socorro Castro García, profesora de Química no grao de Nanotecnoloxía e Nanociencia na UDC. E ben que aproveitamos a súa presenza connosco no centro. Pola mañá ofereceu para o alumnado de 4ºESO unha conferencia titulada "Que facemos as (persoas) científicas" onde debullou polo miúdo algunhas das claves do método científico. E, pola tarde, compartiu co alumnado de Stembach unha morea de experimentos relacionados co hidróxeno: puxeron a andar un coche de hidróxeno ou acabaron mergullando en hidróxeno líquido flores, pelotas, globos,...Sen dúbida, unha experiencia para repetir. 








mércores, 9 de novembro de 2022

Ao teatro con Chévere

Ao longo desta semana o alumnado de 4ºESO e 1ºBACH está asistindo ás representacións de Curva España e de N.E.V.E.R.M.O.R.E que a compañía Chévere está realizando para grupos escolares pola mañá. Sen dúbida, unha experiencia que moitxs delxs non van esquecer pronto.


 


xoves, 20 de outubro de 2022

Youtubeiras: presentación con @olaxonmario e @neeumatiko

 Hoxe o alumnado de 4ESO e de 1ºBACH (uns 200 en total) asistiu á presentación do proxecto Youtubeiras que este ano chega á súa sexta edición e que é unha inicitativa dos servizos de normalización lingüística de varios concellos, entre eles, o de Santiago de Compostela. E, para esta ocasión, contamos con algúns dos youtubers con maior impacto en Galicia: @olaxonmario e @neeumatiko, gañadores nalgunha das súas modalidades en anos pasados. E hoxe, amais de presentarnos o certame, contáronnos como abrir unha canle de youtube ou os tipos de contidos que se están facendo na nosa lingua. Todo moi interesante. Velaí algunha foto do acto:





mércores, 9 de febreiro de 2022

No cine tampouco hai fronteiras: Álvaro Gago

Onte parte do alumnado de 1BACH desfrutou dun evento inédito e dunha primicia: viu os primeiros minutos de Matria, a vindeira longametraxe de Álvaro Gago. E tenvos unha pintaza. E antes de asistir a esta primicia viron Matria, a curta xerminal desta longa; curta que, sen dúbida, debeu de ser unha das máis premiadas da historia do cinema galega e tanto aquí coma acolá. E amais, puideron compartir co director as súas sensacións e inquedanzas. Daquela, para o cinema galego tampouco hai fronteiras. Moitas grazas Álvaro por contar connosco unha vez máis para achegarnos a túa arte.



 


mércores, 19 de xaneiro de 2022

Un Premio Nacional de narrativa connosco: Xesús Fraga

 Onte, parte do alumnado de 1ºBACH tivo o luxo de poder asistir á presentación de Virtudes (e misterios), obra coa que o betanceiro Xesús Fraga acadou o Premio Blanco Amor e, logo, o Premio Nacional de narrativa en 2021. Durante unha hora Xesús Fraga compartiu co alumnado a historia familiar que conforma o libro e coa que deixou impresionado o alumnado. Sen dúbida, un luxo. E luxo o agasallo tamén

      


 

luns, 13 de decembro de 2021

Coa lingua do dereito: Beltrán Puentes

 O pasado xoves 9 de decembro a alumnado de Bacharelato de Ciencias Sociais e Humanidades achegouse ao dereito da man do profesor de Beltrán Puentes. O profesor da USC resolvoulle cuestións como que é o dereito ou para que serve. Amais comentou con eles diversos casos prácticos moi controvertidos na actualidade e, por último, convidounos a coñecer o programa de estudos deste grao. Sen dúbida, unha xornada moi interesante.




martes, 18 de maio de 2021

Xela Arias: a nosa homenaxe

 No curso 1999-2000 Xela Arias exerceu como docente no IES Arcebispo Xelmírez II. Hoxe quixemos facerlle unha pequena homenaxe. Para iso acompañounos o seu fillo, Dario Gil Arias; o SXPL Valetín García, a investigadora e profesora da USC Chus Nogueira e, por último, un espectáculo performativo a cargo de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera. Deste día intenso fixemos un pequeno vídeo. Grazas, mestra.



Xurxo Mariño: sobre a evolución da linguaxe

Hoxe alumnado do 1ºBach tivo a fortuna de asistir a unha charla-presentación ao redor do seu último libro A mente que voa. Case dúas horas con este divulgador que, coma sempre, nos souberon a pouco. Dúas horas nas que ciencia, linguaxe e lingua foron da man. Moitas grazas, unha vez máis.






venres, 14 de maio de 2021

Xela Arias no Xelmírez II

 Era a primavera do curso 1999-2000 cando Xela Arias chegou ao IES Arcebispo Xelmírez II para facer unha substitución do departamento de Lingua e Literatura Española. Este ano co gallo da adicatoria das Letras Galegas tamén no noso centro lle renderemos a homenaxe merecida.






xoves, 15 de abril de 2021

De paseo con Rosalía

 O pasado 9 de abril un grupo de Bacharelato tivo unha mañá de actividades ao aire libre. En primeiro lugar, baixamos camiñando ata o Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela onde pasamos un par de horas desfrutando da exposición. De seguido, a profesora Mercedes Espiño agardábanos na alameda compostelá xunto a estatua de Rosalía para iniciar o roteiro vital da escritora pola cidade. E moito aprendemos, entre outras cousas, que a casa na que unha placa di que alí viviu Murguía non foi nunca tal cousa. Iso si, chegamos cansos ao instituto pero satisfeitos.




luns, 16 de novembro de 2020

Rosa Aneiros: connosco nas ondas

 A escritora Rosa Aneiros déixanos un vídeo para animarnos a ler Resistencia, unha novela publicada no 2002 e que xa vai pola 18 edición. Sen dúbida, un dos fenómenos literarios galegos do século XXI. Grazas Rosa pola túa colaboración.


martes, 13 de outubro de 2020

Diego Ameixeiras: virtualmente connosco

Para empezar o curso 2020-21, Diego Ameixeiras mándalle ao alumnado do IES Xelmírez II un convite para ler Matarte lentamente, unha obra que transcorre nun espazo que nos é ben familiar: o barrio de Vista Alegre. Agradecémoslle ao autor que nos regalara este vídeo.

 

xoves, 20 de febreiro de 2020

Joseba Muruzábal e as avoas heroínas

Hoxe estivo co alumnado de Educación Plástica no noso centro o artista plástico Joseba Muruzábal. Sen dúbida, é un dos artistas máis importantes do momento ao encher as nosas vilas e cidades coas nosas avoas ás que dota de superpodes. Hoxe soubemos de como se xesta toda ese traballo.


xoves, 30 de xaneiro de 2020

Laura LaMontagne&PicoAmperio: retrofuturismo galego

Hoxe o alumnado de 1ºBACH asistiu a un concerto didáctico a cargo da actriz e música Laura LaMontagne e o DJ PicoAmperio. Este dúo formado hai uns meses está levantando unha gran expectación pola aposta que fan ao conxugar letras de cantigas medievais (e tamén contemporáneas) con sons electrónicos. Daquela puidemos desfrutar dunhas versións cheas de forza e delicadeza. Un auténtico luxo.


luns, 16 de decembro de 2019

O que arde en 1ºBACH

Venres 13 de decembro foi a data sinalada: unhas 50 alumnas e alumnos de 1ºBacharelato acudiron a unha sesión do multipremiado  filme de Óliver Laxe, O que arde, na sala Númax de Santiago de Compostela. Eran as 12 da mañá e puidemos desfrutar dun filme que está marcando fitos na historia da nosa filmografía. E abofé que de deixaron cautivar ou pola historia ou pola música ou pola foto. De volta a pé cara o instituto fomos debullando os matices deste filme.

martes, 22 de outubro de 2019

Os Dardos de Xoana

Luns 21 de outubro foi o día escollido por Xoana para presentar no noso centro, grazas ao apoio da Fundación Paideia, o seu disco Dardos. A verdade é que nos deixou sen alento coa súa profesionalidade sobre o escenario no que interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos; temas nos que a protesta e a reivindicación están presentes xunto con outros máis intimistas e sempre nunha lingua moi traballada e impecable. Despois de escoitala non nos estraña nada que fora finalista en sete categorías nos últimos premios MIN de música. Brava