mércores, 20 de decembro de 2023

A regueifa do Xelmírez II

 O pasado mércores 13 de decembro o alumnado de 2ºESO gozou dun obradoiro de regueifa grazas á colaboración do Departamento de Lingua de Galega do Concello de Santiago. Desta volta estiveron acompañados por dous dos nosos mellores regueifeiros: Lupe e Josito. E o nosa alumnado deixou claro unha cousa: a regueifa ten futuro. Velaí unha pequena mostra:

 






martes, 14 de novembro de 2023

100 VOLTAS: Verónica Codesal, Didier Laloy e Damien Chierici

 Este martes 14 de novembro estou seguro que boa parte do noso alumnado o vai lembrar polo que desfrutou no concerto desta banda que, dende Bruxelas, non só aprecian enormemente a nosa cultura senón que tamén fan música. No medio da súa xira 100 VOLTAS ( non a perdades) deron +1 VOLTA e chegaron a Salgueirinoños para pórnos a cantar e bailar como poucas veces. Grazas pola vosa xenerosidade e compromiso con nós, coa nosa cultura, coa nosa xente e coa nosa educación. Un vrai plaisir.

Desculpade o vídeo que non honra o vivido hoxe pero é para que vos deades unha idea.


xoves, 19 de outubro de 2023

A parábola do angazo

 Onte, mércores 18 de outubro, alumnado de 3ESO asistiu ao Salón Teatro para desfrutar de A parábola do angazo, obra de Talía Teatro. E, que ben o pasou!



mércores, 18 de outubro de 2023

Polo Día das Escritoras

 Onte foi o Día das Escritoras. E mirade que cartaces tan marabillosos preparau toda a equipa da biblioteca




Conexión Santiago-O Porto

 O pasado luns 16 de outubro o alumnado de portugués de 4ESO tivo unha visita moi especial: Nuno Correia. Nuno é profesor do Agrupamento Escolar n1 de Gondomar, en O Porto e estaba de jobshadowing no noso centro. Daquela aproveitamos para que nos falase da súa fermosa vila. 




luns, 26 de xuño de 2023

Celso Fernández Sanmartín: contar dende o interior

 Para rematar o curso, alumnado do primeiro ciclo da ESO tivo a fortuna de escoitar unha das voces máis recoñecibles e recoñecidas entre os nosos narradores orais: Celso Fernández Sanmartín. A maneira de contar unhas historias fascinantes atrapou o alumnado e atrapoulles un sorriso co que rematamos o curso. Boas vacacións!



A nosas fotos, o noso patrimonio

 Nesta última parte do curso, o alumnado de 2ESO estivo traballando con fotos familiares anteriores ao 1970. Os obxectivos eran varios: dende poñer en valor as propias fotos e o que contan do noso patrimonio inmaterial ata coñécerense un pouco máis investigando na súa propia familia. O resultado colga das paredes do noso centro e se pasades por alí decatarédsvos de que non só hai fotos fermosísimas senón que hai historias marabillosas.



Premios Ofelia Devesa

 O pasado venres 15 de xuño tivo lugar unha nova entrega dos Premios Ofelia Devesa de educación activa. Desta volta, presentáronse numerosos traballos de divulgación de coñemento e de temátocas moi variadas: dende como usar certas aplicacións informáticas ata traballos sobre a emigración. E para agasallar ao alumnado premiado contamos máis unha vez co patrocinador de devanditos premios, o avogado D. Carlos Lema e o Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García. Longa vida aos Ofelia Devesa!



luns, 22 de maio de 2023

Vinte anos despois, volvemos ao festival de teatro escolar

 O IES Arcebispo Xelmírez II era un histórico do teatro escolar compostelán. Con todo, por diferentes razóns había xa dúas décadas que non había grupo de teatro no centro. E, por fin, este ano formouse un pequeno grupo con alumnado de 1º, 2º e 3ºESO que, baixo a dirección de Lucho Penabade, puxeron en escena un adaptación de Lisístrata, titulada, As Lisímacas. E para rematalo puxérona en escenao 9 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela, dentro do festival de teatro escolar Intercentros. Baixou todo o alumnado de 2ESO para desfrutar da súa actuación e aplaudirlles por un traballo tan esixente e magnificamente posto en escena. Temos unha gran canteira! E longa vida ao noso grupo de teatro!




STEMBach en galego

 A finais de marzo alumnado do noso IES que fai o STEMBach pasou o seu traballo de fin de curso diante dun tribunal. Congratúlamonos de que tres deles elixiran o galego como lingua do seu traballo e tamén como lingua vehicular da súa defensa. Non deixa de ser unha mostra máis de que a nosa lingua é válida para a transmisión de calquera tipo de coñecementos e de calquera ámbito. Grazas rapaces e grazas ao profesorado que os animou nesa encomenda.





luns, 27 de marzo de 2023

Artur Puga: bailas?

 O pasado 2 de marzo o alumnado de 4ESO tivo un obradoiro de baile con Artur Puga, un dos grandes bailaríns do país que se fixo coñecido acompañando as Tanxugueiras. Durante un par de horas desenvolveu un obradoiro para iniciarse a nosa danza e, de paso, desterrar uns cantos prexuízos asociados a esta forma artística. Un auténtico luxo.


venres, 24 de febreiro de 2023

Lunáticxs, aluadxs, ...Sobre o influxo da lúa

 E hoxe visitounos Manuel Vicente, director e presentador do mítico programa Efervesciencia para falarlle ao alumnado de 2ESO sobre o influxo da lúa na vida cotiá. Por exemplo, é verdade que cando hai lúa chea hai máis partos? Nós xa o sabemos cientificamente. Unha auténtica marabilla escoitar a un dos nosos principais diculgadores científicos.


 


A que cheira a comida?

 Con este título chegou onte ao noso centro un dos obradoiros científicos máis interesantes e divertidos dos últimos tempos. E veu da man dun dos nosos grandes divulgadores e científicos: o profesor de Fisioloxía da UDC, Casto Rivadulla. Grazas a el o alumnado de STEMBach e do Club de Ciencia coñeceu algo máis dun dos sentidos máis "inútiles": o gusto. Grazas a unha morea de prácticas e experiementos soubemos da importancia que teñen o olfacto e a vista nas cuestións dos sabores. Un auténtico luxo que agardamos se poida repetir pronto.






sábado, 4 de febreiro de 2023

Noelia Perpetuo: a música que vén

 O pasado venres 3 de febreiro o alumnado de 3ESO desfrutou dun acústico de quen, estou seguro, ides escoitar falar en breve: Noelia Perpetuo. Gañadora do último Quero cantar cativou a rapazada coas súas melodías en galego e portugués, inspiradas en textos poéticos. Aquí tedes un pequeno resumo da actividade. Quédadevos co seu nome