sábado, 19 de novembro de 2022

Polo mes da ciencia: S. Castro, profesora de Química da UDC

 O xoves 17 de novembro celebramos o mes da ciencia en galego. E desta volta contamos coa presenza da Dra. Socorro Castro García, profesora de Química no grao de Nanotecnoloxía e Nanociencia na UDC. E ben que aproveitamos a súa presenza connosco no centro. Pola mañá ofereceu para o alumnado de 4ºESO unha conferencia titulada "Que facemos as (persoas) científicas" onde debullou polo miúdo algunhas das claves do método científico. E, pola tarde, compartiu co alumnado de Stembach unha morea de experimentos relacionados co hidróxeno: puxeron a andar un coche de hidróxeno ou acabaron mergullando en hidróxeno líquido flores, pelotas, globos,...Sen dúbida, unha experiencia para repetir. 








mércores, 9 de novembro de 2022

Ao teatro con Chévere

Ao longo desta semana o alumnado de 4ºESO e 1ºBACH está asistindo ás representacións de Curva España e de N.E.V.E.R.M.O.R.E que a compañía Chévere está realizando para grupos escolares pola mañá. Sen dúbida, unha experiencia que moitxs delxs non van esquecer pronto.


 


Manchea de premios para o noso alumnado

 O venres catro de novembro no salón de actos do IES Arcebispo Xelmírez I tres alumnas e un alumno do noso centro recolleron varios premios de banda deseñada e de ensaio subversivo, todos eles, vehiculados na nosa lingua. Daquela parabéns mil a Noa e Chano por eses primeiros premios en banda deseñada e polo segundo a Azul. Vaia artistas temos! E, moitos parabéns a Brais, membro de EDL, por ese segundo premios de ensaio subversivo. Que maneira de escribir!

Aquí a noticia en varios medios como o Portal da Xunta, a Cope e El Correo Gallego 

Na foto Brais recollendo o premio:



Regueifando

 O pasado xoves 3 de novembo o alumnado de 2ESO tivo a sorte de asistir a un obradoiro de regueifa con Nuria e Josiño, a nova e a máis veterana xeración da xente que regueifea en Galicia. Foron dous obradoiros realizados co apoio e colaboración inestimable do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Saíron moitas regueifas e ben interesantes. Así que, ata o Enreguéifate!Velaquí unha pequeniña mostra delas: