venres, 22 de xuño de 2018

Mercedes Peón no noso palco

Onte, Día da Música, puxémoslle tamén o alboroque ao curso cunha das nosas artistas máis egrexias: Mercedes Peón. Con ela falamos, cantamos, tocamos, bailamos, escoitamos a súa música e vimos os dous produtos audiovisuais tirados do seu último disco Deixaas: Plataforma e Deixaas. Un luxazo para rematar que non nos sería posible sen a colaboración da Fundación Paideia Galiza.


Pablo: un novo booktuber

Cada vez que alguén decide falar dun libro ante unha cámara dános unha alegría: desta foi Pablo, alumno de 1BACH que, coma un auténtico profesional, fai este comentario de Resistencia de Rosa Aneiros.

mércores, 13 de xuño de 2018

Jazz en galego con Xosé Miguélez

O pasado luns 11 de xuño o alumnado de 3ESO tivo a fortuna, grazas á colaboración da Fundación Paideia, de ter unha aula maxistral a cargo dun dos grandes saxofonistas de jazz galego: Xosé Miguélez. Deixámosvos un par de vídeos que amosan perfectamente o contido do acto:

E estoutro:

Os premios Ofelia Devesa

Dende o EDL colaboramos activamente co Premio Ofelia Devesa que cada ano se celebra no noso centro. Son premios que teñen como obxectivo a divulgación do coñecemento. E aquí vos deixamos os vídeos gañadores de senllas categorías.


e estoutro


 E tamén vos deixamos algunhas fotos do acto de entrega con todo o mundo premiado:

mércores, 6 de xuño de 2018

De paseo coa lingua: Oseira e Ourense

O pasado 29 de maio o alumnado de 4 ESO acompañado dos profesores de Literatura galega estivo de visita a dous dos conxuntos patrimoniais galegos máis importantes e de maiore relevo para a nosa cultura: o mosteiro cisterciense de Oseira e a Auria de Blanco Amor. Unha xornada para aprender de nós e da nosa arte e cultura.