O pasado xoves 4 de abril o alumnado de 4ESO do noso centro tivo o privilexio de asistir á presentación dun dos libros máis importantes destes últimos tempos: O Libro negro da lingua galega. Acompañados polo seu autor, Carlos Callón, asistimos a como debullaba os aspectos máis interesantes deste libro que retrata a situación da nosa lingua nos últimos 500 anos. Un acerto que tivese vido.
Onte, parte do alumnado de 1ºBACH tivo o luxo de poder asistir á presentación de Virtudes (e misterios),
obra coa que o betanceiro Xesús Fraga acadou o Premio Blanco Amor e,
logo, o Premio Nacional de narrativa en 2021. Durante unha hora Xesús
Fraga compartiu co alumnado a historia familiar que conforma o libro e
coa que deixou impresionado o alumnado. Sen dúbida, un luxo. E luxo o agasallo tamén
O pasado xoves 9 de decembro a alumnado de Bacharelato de Ciencias Sociais e Humanidades achegouse ao dereito da man do profesor de Beltrán Puentes. O profesor da USC resolvoulle cuestións como que é o dereito ou para que serve. Amais comentou con eles diversos casos prácticos moi controvertidos na actualidade e, por último, convidounos a coñecer o programa de estudos deste grao. Sen dúbida, unha xornada moi interesante.
Hoxe inauguramos as actividades presenciais do EDL coa presenza dun mariñeiro que, nos últimos tempos ocupou moitos minutos nos medios de comunicación e nas redes sociais. Rogelio Santoa Queiruga. Ao longo de dúas sesións compartiu co alumnado de 1ESO as súas emocións como home do mar, como home que coida e terma do mar e, xa que logo, de nós tamén. Aprendemos de peixes e de nomes, en resumo, de ecoloxía. Agradecémoslle enormement a súa xenerosidade.
No curso 1999-2000 Xela Arias exerceu como docente no IES Arcebispo Xelmírez II. Hoxe quixemos facerlle unha pequena homenaxe. Para iso acompañounos o seu fillo, Dario Gil Arias; o SXPL Valetín García, a investigadora e profesora da USC Chus Nogueira e, por último, un espectáculo performativo a cargo de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera. Deste día intenso fixemos un pequeno vídeo. Grazas, mestra.
O pasado 12 de febreiro o alumnado de 4ESO puido desfrutar da presenza dunha das nosas poetas máis relevantes: a coruñesa Yolanda Castaño. Durante case unha hora debullou de xeito ameno e didáctico o panorama poético galego dos últimos 30 anos e do que ela forma parte de xeito moi activo. Aquí vos deixamos un breve resumo.
Onte 19 de outubro o alumnado de 2ESO tivo unha visita moi especial: Dhaunae de Vir. Dhaunae é unha enxeñeira informática nacida en Cervantes e instalada dende hai hai entre Londres e Estocolmo onde, na actualidade, desenvolve o seu traballo en Paradox. Con moitos anos de experiencia no eido da creación dixital e de produtos transmedia, foi videoxogadora profesional e produtora e deseñadora de diversos videoxogos e xogos de rol. Tamén se aventurou no cinema onde chegou a conseguir un premio Bafta. E hai uns días foi unha das relatora do último Lgx15 onde transmitiu a súa preocupación polo uso da lingua nos contidos transmedia.
Hoxe estivo co noso alumnado falándonos dos seus proxectos e, sobre todo, respondendo a moitas das súas curiosidades nun dos ámbitos que mellor dominan. Por certo,, interesante a recomendación que lles deixou: "tedes que xogar menos tempo pero mellor, máis intelixentemente". Un auténtico luxo do que vos deixamos unha pequena mostra fotográfica.
Este ano empezamos as actividades do EDL falando de ciencia co alumnado de 1ESO, en concreto, dos morcegos de Galicia. Para isto, contamos coa presenza do biólogo Manuel Arzúa da Asociación Drosera que nos achegou moita e interesante información sobre a tipoloxía, hábitat e gran funcionalidade dos nosos morcegos. Dende logo que foi marabilloso escoitar a este especialista que deixou o alumnado con moitas preguntas que facerlle por falta de tempo. Terá que volver.
Onte 21 de marzo estreamos a primavera cunha conferencia de Xurxo Mariño sobre o poder evocador e poético da ciencia. Unha conferencia moi suxestiva que comeza coa visión que tiñan os poetas románticos do coñecemento científico e remata co poder evocador e poético da ciencia de Sagan ou dos textos de Estíbaliz Espinosa. Coma sempre, un pracer.
O pasado mércores 20 de marzo pasou pola centro a médica-psiquiatra Iria Veiga, máis coñecida nas redes sociais como A Raíña Vermella. A autora do blog O outro lado do espello falounos da súa experiencia como estudante galegofalante e, por suposto, como profesional así como da importancia de usar a lingua galega cos seus pacientes. Moi interesante e para facernos pensar.
Onte 7 de marzo, Jaione Camborda estivo con alumnado de 1ºBACH. As razóns da súa presenza na aula era moitas e diversas. En primeiro lugar, porque é alófona xa que é orixinaria do País Vasco e incorporouse tamén perfectamente á nosa lingua e cultura; amais porque é emprendedora xa que dirixe unha produtora e, finalmente, porque é unha guionista e cineasta que acaba de dirixir a súa primeira longa que, por suposto, é en galego: Arima. Daquela tiña moito do que nos falar e por iso vos deixamos unha pequena mostra. Foi un privilexio.
O mércores 30 de xaneiro tivemos a inmensa sorte de recibir a un dos mellores xogadores de golf de Galicia: Santi Tarrío. E dun xeito moi ameno e divertido foinos explicando en que consistía un deporte que foi levando ao xogador de Touro por medio mundo. E, o mellor de todo, tivemos tempo e ocasión de practicalo dando uns golpes sobre o escenario do salón de actos. Daquela só nos queda agradecerlle que se achegara ata o centro para darnos a coñecer un deporte que semella moito máis divertido e interesante do que pensabamos.
O pasado martes 22 de xaneiro tivemos o privilexio de ter unha charla ou coloquio cun dos músicos máis relevantes do panorama actual: o ferrolán Andrés Suárez. Na conversa que mantivo co alumnado falounos da súa música, da súa maneira de compoñer, da súa opinión sobre os programas de televisión como OT ou sobre o feito de que a xente menor de idade non poida asistir a moitos dos seus concertos. Acto moi fermoso e único que lembraremos tempo. Deixámosvos unhas fotos:
Para a comunidade do EDL do IES Xelmírez II o LGx15 é xa un dos eventos máis agardados do curso. Alí cada ano, desta o 15 de novembro, atopamos novas ideas e xente moi nova que achega toda a súa enerxía, vitalidade e ganas de facer pola lingua. Nesta ocasión, falouse de química, de deporte, de superacións persoais, de deseño, de caer da burra, de cultura pop... Pasámolo en grande, así que xa contando os días para o seguinte.
O pasado xoves 15 de novembro estivo nas aulas de Bacharelato a xornalista Inma Gil Rosendo, unha viguesa que leva xa 20 anos no Reino Unido traballando para a BBC e sendo unha das activistas máis importantes da comunidade galega en Londres. Neste eido creou o grupo Galegos morriñentos en Londres no facebook así como a comunidade Troula para socializar en galego a nenos fillos de galegos.
Mais nesta ocasión veunos falar do seu traballo e fundamentalmente do novo proxecto que coordina, o BBC Ideas, unha canle de videos curtos en youtube creada dentro da propia BBC.
Hoxe 7 de novembro celebramos o Día da Ciencia en galego falando de arqueoloxía, unha ciencia na que conflúen e que necesita moitas outras disciplinas. E para a ocasión contamos cun dos arquéologos galegos máis sobresalientes, Xurxo Ayán. E con el recorremos algúns dos seus proxectos, dende Etiopía ata a Guiné Ecuatorial pasando polo Atacama e tamén por proxectos relacionados cos guerra civil en Navarra e en Badaxoz. E para rematamos co xa famoso Atilano da parroquia de Cereixa en Lugo. Un auténtico pracer, luxo e exemplo de xenerosidade.
E para quen non puido estar uns pequenos fragmentos:
O venres 26 de outubro asistimos á proxección do documental Irene, a porteira, realizada polo xornalista Óscar Losada Castro. Presentouno o propio director a aprendemos moito desta pioneira do fútbol da que ata o de agora moi pouco se sabía e que tivo unha vida merecente dun filme. Daquela, coñecéndonos mellor cada día.
O pasado luns 11 de xuño o alumnado de 3ESO tivo a fortuna, grazas á colaboración da Fundación Paideia, de ter unha aula maxistral a cargo dun dos grandes saxofonistas de jazz galego: Xosé Miguélez. Deixámosvos un par de vídeos que amosan perfectamente o contido do acto:
Hoxe o alumnado de Psicoloxía de 2ºBach e mais o de 1ºBach tivo o gran provilexio de escoitar a Xurxo Mariño disertando sobre un dos seus temas favoritos: a neurociencia. Deixámosvos unhas fotos do evento.
Hoxe 23 de abril é o "Día do Libro" e como tal no noso centro leváronse a cabo diversas actividades. Mais tamén hoxe puidemos ter na aula de 1Bach a un mozo de Vimianzo, Damián Álvarez Tajes, que se adica á moda e hai tempo chamara a nosa atención por esta entrevista. Pareceunos moi interesante que, na súa profesión se manteña na súa lingua, e incluso na súa variante xeográfica, libre de prexuízos. E hoxe coincidiu que estivo connosco para contárnolo e falarnos da súa experiencia profesional e de como a nosa lingua lle serviu para andar polo mundo. Sen dúbida, moi interesantes e enriquecedoras as experiencias que partillou connosco.