xoves, 13 de decembro de 2018

Ópera para principiantes

Quizais o 12 de decembro de 2018 quede marcado para parte do noso alumnado como o día en que por vez primeira se achegaron ao xénero lírico musical por excelencia: a ópera. E se así fose foi da man de dúas grandes artistas galegas que reparten o seu talento fóra de Galicia: Lorena Paz Nieto en Londres e Tamara Lorenzo Gabeiras en Zurich. E con que repertorio marabilloso nos agasallaron...deixámosvos unha pequena reportaxe (e desculpade as carencias técnicas) do que foi unha xornada de música única e irrepetible.


luns, 26 de novembro de 2018

Nadia Iglesias, campioa.

O pasado xoves 22 de novembro tivemos a sorte de ter connosco á patinadora de Bertamiráns Nadia Iglesias de Salvador. A campioa de Europa júnior e cuarta nos últimos mundiais conversou co alumnado de ESO sobre a disciplina deportiva que escolleu amais de facer unha pequena exhibición para todo o centro acompañada polo noso alumnado patinador. Todo un exemplo e un luxo. Velaquí uns pequenos retallos da súa intervención.


luns, 19 de novembro de 2018

E outra vez no LGx15

Para a comunidade do EDL do IES Xelmírez II o LGx15 é xa un dos eventos máis agardados do curso. Alí cada ano, desta o 15 de novembro, atopamos novas ideas e xente moi nova que achega toda a súa enerxía, vitalidade e ganas de facer pola lingua. Nesta ocasión, falouse de química, de deporte, de superacións persoais, de deseño, de caer da burra, de cultura pop... Pasámolo en grande, así que xa contando os días para o seguinte.

Inma Gil, da BBC ao Xelmírez II

O pasado xoves 15 de novembro estivo nas aulas de Bacharelato a xornalista Inma Gil Rosendo, unha viguesa que leva xa 20 anos no Reino Unido traballando para a BBC e sendo unha das activistas máis importantes da comunidade galega en Londres. Neste eido creou o grupo Galegos morriñentos en Londres no facebook así como a comunidade Troula para socializar en galego a nenos fillos de galegos.
Mais nesta ocasión veunos falar do seu traballo e fundamentalmente do novo proxecto que coordina, o BBC Ideas, unha canle de videos curtos en youtube creada dentro da propia BBC.
E velaquí algunhas fotos:

mércores, 7 de novembro de 2018

Día da Ciencia en galego: Xurxo Ayán

Hoxe 7 de novembro celebramos o Día da Ciencia en galego falando de arqueoloxía, unha ciencia na que conflúen e que necesita moitas outras disciplinas. E para a ocasión contamos cun dos arquéologos galegos máis sobresalientes, Xurxo Ayán. E con el recorremos algúns dos seus proxectos, dende Etiopía ata a Guiné Ecuatorial pasando polo Atacama e tamén por proxectos relacionados cos guerra civil en Navarra e en Badaxoz. E para rematamos co xa famoso Atilano da parroquia de Cereixa en Lugo. Un auténtico pracer, luxo e exemplo de xenerosidade.
E para quen non puido estar uns pequenos fragmentos:

mércores, 31 de outubro de 2018

Irene Basanta: a primeira futbolista

O venres 26 de outubro asistimos á proxección do documental Irene, a porteira, realizada polo xornalista Óscar Losada Castro. Presentouno o propio director a aprendemos moito desta pioneira do fútbol da que ata o de agora moi pouco se sabía e que tivo unha vida merecente dun filme. Daquela, coñecéndonos mellor cada día.




Elisa e Marcela

Sen dúbida, esta vai ser a voda do ano. Despois do éxito da versión teatral a cargo da compañía A panadaría, chegaranos a versión cinematográfica.
E como aínda non a viramos, pois esta foi a ocasión. E o venres 26 de outubro no Salón Teatro de Compostela tivemos ocasión de vela. E aprendemos moito e pasámolo mellor.


mércores, 3 de outubro de 2018

MJ Pérez no inicio

Se o pasado curso rematamos con música este tiñamos que empezalo da mesma maneira. Por iso, e grazas á colaboración da Deputación de A Coruña e ao seu programa "O galego, a miña lingua propia", puidemos contar coa presenza dunha das artistas emerxentes, MJ Pérez. E foi unha hora ben produtiva: falounos da súa relación coas linguas, co audiovisual e, por suposto, puidemos desfrutar da súa música. Un luxo.

venres, 22 de xuño de 2018

Mercedes Peón no noso palco

Onte, Día da Música, puxémoslle tamén o alboroque ao curso cunha das nosas artistas máis egrexias: Mercedes Peón. Con ela falamos, cantamos, tocamos, bailamos, escoitamos a súa música e vimos os dous produtos audiovisuais tirados do seu último disco Deixaas: Plataforma e Deixaas. Un luxazo para rematar que non nos sería posible sen a colaboración da Fundación Paideia Galiza.


Pablo: un novo booktuber

Cada vez que alguén decide falar dun libro ante unha cámara dános unha alegría: desta foi Pablo, alumno de 1BACH que, coma un auténtico profesional, fai este comentario de Resistencia de Rosa Aneiros.

mércores, 13 de xuño de 2018

Jazz en galego con Xosé Miguélez

O pasado luns 11 de xuño o alumnado de 3ESO tivo a fortuna, grazas á colaboración da Fundación Paideia, de ter unha aula maxistral a cargo dun dos grandes saxofonistas de jazz galego: Xosé Miguélez. Deixámosvos un par de vídeos que amosan perfectamente o contido do acto:

E estoutro:

Os premios Ofelia Devesa

Dende o EDL colaboramos activamente co Premio Ofelia Devesa que cada ano se celebra no noso centro. Son premios que teñen como obxectivo a divulgación do coñecemento. E aquí vos deixamos os vídeos gañadores de senllas categorías.


e estoutro


 E tamén vos deixamos algunhas fotos do acto de entrega con todo o mundo premiado:

mércores, 6 de xuño de 2018

De paseo coa lingua: Oseira e Ourense

O pasado 29 de maio o alumnado de 4 ESO acompañado dos profesores de Literatura galega estivo de visita a dous dos conxuntos patrimoniais galegos máis importantes e de maiore relevo para a nosa cultura: o mosteiro cisterciense de Oseira e a Auria de Blanco Amor. Unha xornada para aprender de nós e da nosa arte e cultura.

luns, 21 de maio de 2018

A Lola: teatro e guerra civil

Hoxe o alumnado de 1ºBACH e 4ESO tivo unha sesión teatral moi especial no propio centro. Dende Pontevedra chegou o grupo de teatro amador Avelaíña Teatro para poñer en encena A Lola, texto de Manuel Ayán (laiovento) que amais fai o papel de D. Federico. Como di na ficha técnica " Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista". A obra transcorre fundamentalmente no 1936 e no 1965 e reflicte un momento dramático do noso pasado recente. Daquela hoxe sobre as táboas do noso escenario, unha auténtica lección de historia. E despois da representación, tocou o diálogo co público.


venres, 11 de maio de 2018

Unha visita moi especial: o alumnado de galego do IE Cañada Blanch de Londres

O pasado mércores 9 de maio recibimos unha visita moi especial: 44 alumnas e alumnos dos preto de 100 que estudan galego no IE Cañada Blanch de Londres e que podedes seguir na súa web Fala Londres e nas redes sociais (facebook, twitter e instagram) no perfil Galego en Londres. 
Como veredes no vídeo, foi unha mañá intensa: primeiro, obradoiros de papiroflexia, ciencia, pandeireta, muiñeira e hóckey, impartidos case todos polo alumnado do centro. Logo unha xincana deportiva e por último unha visita a compostela que rematou co intento dunha muiñeira colectiva no Obradoiro e na Quintana. Sen dúbida, día espléndido para partillar lingua e emocións.

A lingua non para: O correlingua

Un ano máis participamos no Correlingua compostelán co alumnado de 1ESP. Para esta ocasión elaboraron unha pancarta inspirada nun cartaz de Rodchenko no que unha voz feminina berraba "libros, libros, libros". Pois nós berramos "Lingua, lingua, lingua".

luns, 30 de abril de 2018

E no recreo: Mounqup

Hoxe o alumnado do centro puido gozar dunha intervención sonora na entrada do noso centro a cargo de Mounqup, unha bióloga francesa instalada nunha pequena aldea de Ourense, que fai música electrónica. E amais logo estivo conversando na aula co alumnado de 3ESO que puido comprobar como fala un magnífico galego. Todo un exemplo e un luxo. Aquí vos deixamos un pequeno vídeo do acto para o que contamos coa colaboración da Fundación Paideia.

xoves, 26 de abril de 2018

Neuronas, cebrebro e linguaxe: en galego.

Hoxe o alumnado de Psicoloxía de 2ºBach e mais o de 1ºBach tivo o gran provilexio de escoitar a Xurxo Mariño disertando sobre un dos seus temas favoritos: a neurociencia. Deixámosvos unhas fotos do evento.




luns, 23 de abril de 2018

O galego está de moda

Hoxe 23 de abril é o "Día do Libro" e como tal no noso centro leváronse a cabo diversas actividades. Mais tamén hoxe puidemos ter na aula de 1Bach a un mozo de Vimianzo, Damián Álvarez Tajes, que se adica á moda e hai tempo chamara a nosa atención por esta entrevista. Pareceunos moi interesante que, na súa profesión se manteña na súa lingua, e incluso na súa variante xeográfica, libre de prexuízos. E hoxe coincidiu que estivo connosco para contárnolo e falarnos da súa experiencia profesional e de como a nosa lingua lle serviu para andar polo mundo. Sen dúbida, moi interesantes e enriquecedoras as experiencias que partillou connosco.

martes, 17 de abril de 2018

Tarde de flow

A tarde do pasado 10 de abril o alumnado de Bacharelato puido desfrutar dun obradoiro-concerto didáctico a cargo dun dos grupos de hip hop do momento: Ezetaerre. Sen dúbida, a música que moitas alumnas e alumnos nosos escoitan acotío puideron escoitala en directo. E amais neste vídeo podedes comprobar como tiveron dúas colaboradaras e un colaborador excepcionais, con moito suagh. Un éxito grazas á xenerosidade e humildade dos mozos desta banda á que lle agoiramos grandes éxitos.



mércores, 11 de abril de 2018

Presentación dos III Premios O Fouciño

Hoxe no centro o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu á presentación do próximo festival de curtas O fouciño e dos conseguintes III Premios o Fouciño que se organiza no Concello de Zas e que ten unha categoría adicada ás curtas escolares. Para falarnos destes premios e da orixe do festival estivo connosco unha das organizadoras, a xornalista da TVG Mabel Montes. Aquí vos deixamos unhas fotos do acto e, por suposto, a presentarse!!!






O noso vídeo e manifesto para o Correlingua

Hai uns meses o alumnado de 3ESO B do noso centro presentouse ao concurso de vídeo e manifesto do Correlingua. Teremos que seguir intentándoo porque desta foron outros centros os que mereceron o galardón con propostas estupendas.
Velaquí o noso manifesto e o noso vídeo (prometemos que o próximo será gravado en horizontal).




xoves, 22 de marzo de 2018

A curta do ano, Matria, na voz do seu director

E o xoves 22 de marzo chegou "Matria" de Álvaro Gago ao noso centro presentada polo seu director. Sen dúbida, esta curta é un dos acontecementos da cinematografía galega recente pois, entre moitos premios, gañou o Sundance e a Seminci. E hoxe tivemos a sorte de vela e comentala co seu director. Marabillosa.


mércores, 21 de marzo de 2018

Ciencia en galego e motores de hidróxeno.

O mércores 21 de marzo alumnado de 1º e 2º de Bach asistiu a unha conferencia da profesora da Fac. de Química da Universidade de A Coruña, Dra. Socorro Castro, titulada: "Os motores de hidróxeno: unha alternativa enérxetica". Moi interesante poder ver en directo como é posible que un coche pode circular con auga. Velaquí a mostra:




martes, 20 de marzo de 2018

Alberte Branco, fotos de cine

O martes 20 de marzo o alumnado de 4ESO recibiu a un dos directores de fotografía máis importantes do momento: Alberte Branco. O director de filmes como A estación violenta, Encallados ou Os fenómenos deunos unha auténtica lección maxistral de tipo técnico para mellorar as nosas producións audiovisuais. Un luxo.




venres, 16 de marzo de 2018

Guadi Galego, Guillerme Fernández e colaboracións

O 15 de marzo moito do noso alumnado tivo a fortuna non só de escoitar a unha das grandes voces da nosa música senón tamén partillas escenario con ela. Deixámosvos un vídeo que resumo un pouco o sucedido.

mércores, 14 de marzo de 2018

Cine, ciencia, foto e música para rematar o trimestre

Remateremos este trimestre con catro grandes nomes nas súas especialidades: Guadi Galego e Guillerme Fernández (música), Socorro Castro (química), Alberte Branco (Fotografía) e Álvaro Gago (cine). E tod@s traballando coa nosa lingua e dende a nosa lingua.


mércores, 7 de marzo de 2018

Nos premios San Clemente

O pasado 1 de marzo alumnado do noso centro (e, en particular do EDL) participou de xeito moi activo nas actividades organizadas ao redor do Premio de narrativa Juan de San Clemente. Así pola mañá Cristian foi un dos integrantes do coloquio ao redor da premiada "Todo canto fomos" de Xosé Monteagudo. E xa na entraga dos premios Noa e Esteban foron os encargados de ler fragmentos da obra do escritor pontevedrés na entraga de premios. Aquí vos deixamos algunhas fotos.



martes, 27 de febreiro de 2018

24 de febreiro: Día de Rosalía

O pasado venres celebramos o Día de Rosalía no centro. Entre as actividades, toda a mañá estivo soando na entrada do instituto unha lista musical (realizada entre todo o mundo) de versións sobre poemas de Rosalía nos estilos máis diversos. Podedes escoitala aquí e se queredes engadir outras que descoñecemos ou non demos con ela. Chámase Rosalía. E, en breve, daremos conta dalgunha sorpresa máis.


xoves, 15 de febreiro de 2018

No corazón das estrelas

O pasado venres 9 de febreiro o alumnado de bacharelato recibiu a visita de Beatriz Fernández Domínguez, física nuclear da Universidade de Santiago de Compostela coa charla "Do corazón da materia ao interior das estrelas" que se inclúe no programa de colaboración "A ponte" da USC. Deixámosvos unhas fotos do evento que tamén nos serve para celebrar o Día Internacional da muller na Ciencia.


xoves, 18 de xaneiro de 2018

De cando os reis falaban galego

Hoxe o alumnado de 1ºBACH recibiu na aula a unha das maiores especialistas da obra de Afonso X O Sabio: a profesora da facultade de Filoloxía da USC Elvira Fidalgo. Nesta ocasión faloulles do período afonsí e, en especial, da súa obra literaria en galego. Un auténtico luxo escoitar de primeira man tanta e tan boa información.