xoves, 19 de decembro de 2019

Presentación de webserie

Hoxe, penúltimo día deste primeiro trimestre, o noso alumnado puido desfrutarda presentación de s.e.x. webserie para youtube. Trátase dun proxecto de educación emocional e sexual para a adolescencia eleaborado polas amigas de Illa Bufarda e que conta co apoio e asesoramento da Deputación da Coruña, da Fundación Paideia e de Aseia. Estamos seguros que foi de gran utilidade para o noso alumnado.



Ops!

Un ano máis, e xa van catro, o alumnado de 4º ESO do noso instituto participou nun obradoiro de portugués ofrecido polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago: "OPS! Falamos portugués. O portugués simples". Neste caso amais por partida tripla xa que a responsable impartiu o curso durante tres días, 11, 12 e 13 de decembro a outros tantos cursos. Agardamos que aproveitasen a ocasión!
https://www.iessanclemente.net/wp-content/themes/sclemente/inc/timthumb.php?src=https://www.iessanclemente.net/wp-content/uploads/2016/11/OPS-logo-300x262.jpg&w=600&h=400&q=100

mércores, 18 de decembro de 2019

Benxa Otero: música máxica

Para conmemorar a nosa entrada centenaria nada mellor que un músico excepcional: Benxa Otero. Este dezao que amais de músico é fotógrafo e mago deleitou onte 17 de decembro ao alumnado de 2 ESO cunha actuación de guitarra, óboe e corno inglés realmente máxica. Non onstante o pasado ano foi un dos finalistas dos premios da música MIN polo seu disco 13 cancións bonitas xunto a Germán Díaz. Outro privilexio que debemos en boa medida á colaboración da Fundación Paideia.


luns, 16 de decembro de 2019

O que arde en 1ºBACH

Venres 13 de decembro foi a data sinalada: unhas 50 alumnas e alumnos de 1ºBacharelato acudiron a unha sesión do multipremiado  filme de Óliver Laxe, O que arde, na sala Númax de Santiago de Compostela. Eran as 12 da mañá e puidemos desfrutar dun filme que está marcando fitos na historia da nosa filmografía. E abofé que de deixaron cautivar ou pola historia ou pola música ou pola foto. De volta a pé cara o instituto fomos debullando os matices deste filme.

Cine coa directora Jaione Camborda

O pasado 10 de decembro o alumnado de 4ESO tivo o enorme privilexio de asistir a un obradoiro de cine coa directora Jaione Camborda. De orixe vasca, Jaione leva algúns anos instalada afortunadamente na nosa lingua e cultura. Tanto é así que acaba de estrear nos cines Arima, a súa primeira longametraxe coa que xa colleitou notables éxitos coma no festival de Sevilla ou en Márgenes. Daquela, a nosa gratitude cara esta integrante do chamado Novo Cinema Galega por compartir o seu saber e experiencia connosco.


xoves, 5 de decembro de 2019

Margarida Mariño: chelo e pedais

O pasado 28 de novembro o alumnado de 2ºBACH tivo a sorte de escoitar a unha das nosas música máis innovadoras: Margarida Mariño. Acompañada do seu violonchelo e duns pedais electrónicos achegounos outro xeito de facer música co que está triunfando na escena máis alternativa de Europa. Todo un auténtico luxo e mais cando apareceu acompañada de David, un alumno do centro e futuro mestre violonchelista. Grazas aos dous.
Aquí podedes escoitalos nuns fragmentos:


mércores, 20 de novembro de 2019

Dháunae de Vir: creadora dixital

Onte 19 de outubro o alumnado de 2ESO tivo unha visita moi especial: Dhaunae de Vir. Dhaunae é unha enxeñeira informática nacida en Cervantes e instalada dende hai hai entre Londres e Estocolmo onde, na actualidade, desenvolve o seu traballo en Paradox. Con moitos anos de experiencia no eido da creación dixital e de produtos transmedia, foi videoxogadora profesional e produtora e deseñadora de diversos videoxogos e xogos de rol. Tamén se aventurou no cinema onde chegou a conseguir un premio Bafta. E hai uns días foi unha das relatora do último Lgx15 onde transmitiu a súa preocupación polo uso da lingua nos contidos transmedia.
Hoxe estivo co noso alumnado falándonos dos seus proxectos e, sobre todo, respondendo a moitas das súas curiosidades nun dos ámbitos que mellor dominan. Por certo,, interesante a recomendación que lles deixou: "tedes que xogar menos tempo pero mellor, máis intelixentemente". Un auténtico luxo do que vos deixamos unha pequena mostra fotográfica.

martes, 22 de outubro de 2019

Os Dardos de Xoana

Luns 21 de outubro foi o día escollido por Xoana para presentar no noso centro, grazas ao apoio da Fundación Paideia, o seu disco Dardos. A verdade é que nos deixou sen alento coa súa profesionalidade sobre o escenario no que interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos; temas nos que a protesta e a reivindicación están presentes xunto con outros máis intimistas e sempre nunha lingua moi traballada e impecable. Despois de escoitala non nos estraña nada que fora finalista en sete categorías nos últimos premios MIN de música. Brava

venres, 18 de outubro de 2019

Guadi Galego e Pepe Cunha: pola beira da canción

Hoxe na nosa nova biblioteca tivemos o primeiro acto: a presentación do libro Pola beira da canción de Pepe Cunha, (do portal galego de comunicación musica, Ábrete de orellas)  sobre a  carreira artística de Guadi Galego, tipo de libro que supón unha novidade na nosa bibliografía.
E para celebralo contamos coa presenza tanto da artista como do escritor que nos debullaron o contido do libro e, sobre todo, falaron de música con preto de 70 alumnas e alumnos de 3ESO e 1BACH.  Un auténtico luxo. E grazas tamén a Iria que preparou esta presentación onde lembramos a súa actuación no noso centro hai un par de anos acompañada por alumnado.
Por certo, a partir do 25 a disposición de todos o seu novo traballo "Inmersión" que se presentará nas principais cidades e vilas galegas.

luns, 14 de outubro de 2019

Crick to game: videoxogo en galego

O pasado venres 11 de outubro o alumnado de 3ESO e o de Programación de 2ºBACH tivo a sorte de coñecer de primeira man como se crea un videoxogo. Para iso contamos no centro coa presenza de  Nicolás Casal de Fosfatina Studios e de Miguel Areán de Polygon.e Studios onde se elaborou Cricktogame o primeiro xogo galego e en galego para Nintendo Switch. Sen dúbida, un ámbito que empeza a coller pulo en Galicia, sobre todo, coa apertura do grao de Creación dixital.

venres, 4 de outubro de 2019

Empezamos con morcegos

Este ano empezamos as actividades do EDL falando de ciencia co alumnado de 1ESO, en concreto, dos morcegos de Galicia. Para isto, contamos coa presenza do biólogo Manuel Arzúa da Asociación Drosera que nos achegou moita e interesante información sobre a tipoloxía, hábitat e gran funcionalidade dos nosos morcegos. Dende logo que foi marabilloso escoitar a este especialista que deixou o alumnado con moitas preguntas que facerlle por falta de tempo. Terá que volver.


luns, 24 de xuño de 2019

Festa para rematar: DJ Suso Flores

E para rematar as actividades deste curso, estivo connosco Suso Flores un dos DJs máis reputados nas salas londinienses que fixo unha escapada para achegarse ata o noso centro. O compositor de Techno para meniños deixounos unha boa mostra da súa profesionalidade e do seu traballo nun set que preparou para a ocasión. Aquí unha foto xusto nos inicios.

Presentando a música de Vudú

O xoves 20 de xuño xa en plena recta final de curso tivemos a inmensa sorte de recibir no noso centro a Belém Tajes e Maritxinha, as dúas integrantes de Vudú. Grazas á colaboración da Fundación Paideia coñecemos o seu traballo musical baseado na tradición pero que tenta chegar a un público o máis diverso posible. Marabilla.


Coa lingua na BBC

O luns 19 de novembro de 2018 visitounos no centro a xornalista galega da BBC Inma Gil. Podedes recordalo aquí. E como auténtica activista galega en Londres, lanzoulle como reto ao alumnado de 1ºBACH a posibilidade de que incorporaramos subtítulos a algúns dos vídeos do proxecto BBC Ideas que coordina para o medio inglés. E velaquí vos deixamos a primeira mostra. Activádelle os subtítulos en galego e a desfrutar. Grazas Inma pola idea e grazas Ana e rapazada; agardamos poder ampliala.

luns, 20 de maio de 2019

Aquel-e: A Galiza pop

Aínda non coñeces a Aquel-e? Pois a que agardades para facervos subscritores da súa canle de You Tube? Hoxe estivo con alumnado de 1BACH un dos youtubeiros do momento falándonos da súa Galiza, da Galiza pop, da Galiza posible. Que ben o pasamos e canto aprendemos.


martes, 7 de maio de 2019

Un ano máis no Correlingua

O pasado luns 6 de maio participamos un ano máis no Correlingua en Santiago de Compostela. Desta o alumnado de 1ESO elaborou a súa pancarta co lema "O galego é a fórmula" coa que paseou, fachendoso, polas rúas compostelás. A ver se o noso berro foi oído.

luns, 6 de maio de 2019

Música e evolución: Rosa Sánchez e Pablo Carpintero

O pasado 3 de maio, e grazas á colaboración da Fundación Paideia, tivemos a sorte de ter no noso centro a dous dos músicos e investigadores da nosa tradición musical que gozan de maior relevo: Rosa Sánchez e Pablo Carpintero. Cargados de instrumentos e músicas fixéronnos unha exposición maxistral sobre a nosa música e tradición ante a atenta mirada e oído do noso alumnado e mais do alumnado do Instituto Español Miguel Hernández de Moscova, de intercambio no centro. Aquí vos deixamos un pequeno resumo.



domingo, 24 de marzo de 2019

As Tanxugueiras connosco

Un dos grupos máis relevantes da música galega contemporánea confórmano tres mozas que se fan chamar Tanxugueiras. Recentemente gañadoras do premio Arritmar e do Premio MIN ao mellor álbum de música galega, pasaron parte da mañá do 21 connosco. Só tedes que ver o vídeo para decatarvos de que o pasamos moi ben con elas, bailamos, cantamos, rimos e recibimos moi boas recomendacións. Moitas grazas a elas e á Fundación Paideia. Un luxo.


venres, 22 de marzo de 2019

Ciencia e poesía: Xurxo Mariño

Onte 21 de marzo estreamos a primavera cunha conferencia de Xurxo Mariño sobre o poder evocador e poético da ciencia. Unha conferencia moi suxestiva que comeza coa visión que tiñan os poetas románticos do coñecemento científico e remata co poder evocador e poético da ciencia de Sagan ou dos textos de Estíbaliz Espinosa. Coma sempre, un pracer.


A Raíña Vermella: lingua e sanidade

O pasado mércores 20 de marzo pasou pola centro a médica-psiquiatra Iria Veiga, máis coñecida nas redes sociais como A Raíña Vermella. A autora do blog O outro lado do espello falounos da súa experiencia como estudante galegofalante e, por suposto, como profesional así como da importancia de usar a lingua galega cos seus pacientes. Moi interesante e para facernos pensar.


xoves, 14 de marzo de 2019

Novos vídeos para a nosa lista Made in Galiza

Dende o curso pasado estamos tentando converter en curtas os textos do Made in Galiza de Séchu Sende. Desta volta van catro novos incorporados á nosa canle de youtube:






venres, 8 de marzo de 2019

Jaione Camborda: cineasta, alófona

Onte 7 de marzo, Jaione Camborda estivo con alumnado de 1ºBACH. As razóns da súa presenza na aula era moitas e diversas. En primeiro lugar, porque é alófona xa que é orixinaria do País Vasco e incorporouse tamén perfectamente á nosa lingua e cultura; amais porque é emprendedora xa que dirixe unha produtora e, finalmente, porque é unha guionista e cineasta que acaba de dirixir a súa primeira longa que, por suposto, é en galego: Arima. Daquela tiña moito do que nos falar e por iso vos deixamos unha pequena mostra. Foi un privilexio.

venres, 1 de marzo de 2019

CociñaX2: a nosa canle de cociña

Hoxe inauguramos  na nosa canle de youtube unha lista de vídeos con receitas elaboradas pola rapazada. Nos perdades as receitas máis vangardistas do momento e dignas de calquera gran restaurante.

martes, 26 de febreiro de 2019

Día de Rosalía

O 23 de febreiro tamén quixemos celebrar o Día de Rosalía. E para esta ocasión decidimos que a rapazada traducira varios versos ás súas outras linguas. Escoitastes algunha vez a Rosalía en palestino ou en soninké? Pois aquí tedes a oportunidade.

martes, 12 de febreiro de 2019

Con pelos na lingua

Hoxe o alumnado de 2ESO asistiu a un clásico da nosa dramaturxia contemporánea: Pelos na lingua, coa que a compañía de teatro Talía leva anos polos escenarios galegos. Unha boa maneira de achegarse aos prexuízos lingüísticos contido importante deste curso.


venres, 1 de febreiro de 2019

Golf para principiantes: Santi Tarrío

O mércores 30 de xaneiro tivemos a inmensa sorte de recibir a un dos mellores xogadores de golf de Galicia: Santi Tarrío. E dun xeito moi ameno e divertido foinos explicando en que consistía un deporte que foi levando ao xogador de Touro por medio mundo. E, o mellor de todo, tivemos tempo e ocasión de practicalo dando uns golpes sobre o escenario do salón de actos. Daquela só nos queda agradecerlle que se achegara ata o centro para darnos a coñecer un deporte que semella moito máis divertido e interesante do que pensabamos.

luns, 28 de xaneiro de 2019

Encontro con Andrés Súarez: a voz galega en Madrid

O pasado martes 22 de xaneiro tivemos o privilexio de ter unha charla ou coloquio cun dos músicos máis relevantes do panorama actual: o ferrolán Andrés Suárez. Na conversa que mantivo co alumnado falounos da súa música, da súa maneira de compoñer, da súa opinión sobre os programas de televisión como OT ou sobre o feito de que a xente menor de idade non poida asistir a moitos dos seus concertos. Acto moi fermoso e único que lembraremos tempo. Deixámosvos unhas fotos:





xoves, 10 de xaneiro de 2019

Cuarta Xusta: querémonos libres

O pasado 20 de decembro tivemos a oportunidade de escoitar no centro a un dos grupos revelación do pasado ano: Cuarta Xusta. Un grupo formado por 4 mozas e un mozo de Agolada, Antas de Ulla e Melide que sacaron un disco ao mercado e que levaron o seu ritmo por todos os recantos do país. E nesta ocasión chegaron ao noso centro. Un pracer.