luns, 26 de novembro de 2018

Nadia Iglesias, campioa.

O pasado xoves 22 de novembro tivemos a sorte de ter connosco á patinadora de Bertamiráns Nadia Iglesias de Salvador. A campioa de Europa júnior e cuarta nos últimos mundiais conversou co alumnado de ESO sobre a disciplina deportiva que escolleu amais de facer unha pequena exhibición para todo o centro acompañada polo noso alumnado patinador. Todo un exemplo e un luxo. Velaquí uns pequenos retallos da súa intervención.


luns, 19 de novembro de 2018

E outra vez no LGx15

Para a comunidade do EDL do IES Xelmírez II o LGx15 é xa un dos eventos máis agardados do curso. Alí cada ano, desta o 15 de novembro, atopamos novas ideas e xente moi nova que achega toda a súa enerxía, vitalidade e ganas de facer pola lingua. Nesta ocasión, falouse de química, de deporte, de superacións persoais, de deseño, de caer da burra, de cultura pop... Pasámolo en grande, así que xa contando os días para o seguinte.

Inma Gil, da BBC ao Xelmírez II

O pasado xoves 15 de novembro estivo nas aulas de Bacharelato a xornalista Inma Gil Rosendo, unha viguesa que leva xa 20 anos no Reino Unido traballando para a BBC e sendo unha das activistas máis importantes da comunidade galega en Londres. Neste eido creou o grupo Galegos morriñentos en Londres no facebook así como a comunidade Troula para socializar en galego a nenos fillos de galegos.
Mais nesta ocasión veunos falar do seu traballo e fundamentalmente do novo proxecto que coordina, o BBC Ideas, unha canle de videos curtos en youtube creada dentro da propia BBC.
E velaquí algunhas fotos:

mércores, 7 de novembro de 2018

Día da Ciencia en galego: Xurxo Ayán

Hoxe 7 de novembro celebramos o Día da Ciencia en galego falando de arqueoloxía, unha ciencia na que conflúen e que necesita moitas outras disciplinas. E para a ocasión contamos cun dos arquéologos galegos máis sobresalientes, Xurxo Ayán. E con el recorremos algúns dos seus proxectos, dende Etiopía ata a Guiné Ecuatorial pasando polo Atacama e tamén por proxectos relacionados cos guerra civil en Navarra e en Badaxoz. E para rematamos co xa famoso Atilano da parroquia de Cereixa en Lugo. Un auténtico pracer, luxo e exemplo de xenerosidade.
E para quen non puido estar uns pequenos fragmentos: