xoves, 15 de decembro de 2022

Alberto Fernández Boo: o home que fai ruxir a lingua

 Esta mañá o alumnado de 2º da ESO asistiu a un acto que contou coa presenza de Alberto Fernández Boo, un pilo de motociclismo, afincado en Cambados, e que compite no campionato de Castela e León. Contounos a súa traxectoria e, como malia as dificultades físicas, non perdeu nunca a ilusión por practicar o deporte que lle apaixoa. Sen dúbida, todo un exemplo de esforzo, tenacidade e ilusión que lle transmitiu ao alumnado. E amais, fixo ruxir a súa moto entre o alumnado entusiasmado. Un pracer e o noso agradecemento inmenso e, desexámolles que a súa campañas de crowdfunding para competir a vindeira tempada sexa un éxito.


sábado, 19 de novembro de 2022

Polo mes da ciencia: S. Castro, profesora de Química da UDC

 O xoves 17 de novembro celebramos o mes da ciencia en galego. E desta volta contamos coa presenza da Dra. Socorro Castro García, profesora de Química no grao de Nanotecnoloxía e Nanociencia na UDC. E ben que aproveitamos a súa presenza connosco no centro. Pola mañá ofereceu para o alumnado de 4ºESO unha conferencia titulada "Que facemos as (persoas) científicas" onde debullou polo miúdo algunhas das claves do método científico. E, pola tarde, compartiu co alumnado de Stembach unha morea de experimentos relacionados co hidróxeno: puxeron a andar un coche de hidróxeno ou acabaron mergullando en hidróxeno líquido flores, pelotas, globos,...Sen dúbida, unha experiencia para repetir. 








mércores, 9 de novembro de 2022

Ao teatro con Chévere

Ao longo desta semana o alumnado de 4ºESO e 1ºBACH está asistindo ás representacións de Curva España e de N.E.V.E.R.M.O.R.E que a compañía Chévere está realizando para grupos escolares pola mañá. Sen dúbida, unha experiencia que moitxs delxs non van esquecer pronto.


 


Manchea de premios para o noso alumnado

 O venres catro de novembro no salón de actos do IES Arcebispo Xelmírez I tres alumnas e un alumno do noso centro recolleron varios premios de banda deseñada e de ensaio subversivo, todos eles, vehiculados na nosa lingua. Daquela parabéns mil a Noa e Chano por eses primeiros premios en banda deseñada e polo segundo a Azul. Vaia artistas temos! E, moitos parabéns a Brais, membro de EDL, por ese segundo premios de ensaio subversivo. Que maneira de escribir!

Aquí a noticia en varios medios como o Portal da Xunta, a Cope e El Correo Gallego 

Na foto Brais recollendo o premio:



Regueifando

 O pasado xoves 3 de novembo o alumnado de 2ESO tivo a sorte de asistir a un obradoiro de regueifa con Nuria e Josiño, a nova e a máis veterana xeración da xente que regueifea en Galicia. Foron dous obradoiros realizados co apoio e colaboración inestimable do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Saíron moitas regueifas e ben interesantes. Así que, ata o Enreguéifate!Velaquí unha pequeniña mostra delas:


xoves, 20 de outubro de 2022

Youtubeiras: presentación con @olaxonmario e @neeumatiko

 Hoxe o alumnado de 4ESO e de 1ºBACH (uns 200 en total) asistiu á presentación do proxecto Youtubeiras que este ano chega á súa sexta edición e que é unha inicitativa dos servizos de normalización lingüística de varios concellos, entre eles, o de Santiago de Compostela. E, para esta ocasión, contamos con algúns dos youtubers con maior impacto en Galicia: @olaxonmario e @neeumatiko, gañadores nalgunha das súas modalidades en anos pasados. E hoxe, amais de presentarnos o certame, contáronnos como abrir unha canle de youtube ou os tipos de contidos que se están facendo na nosa lingua. Todo moi interesante. Velaí algunha foto do acto:





mércores, 19 de outubro de 2022

O EDL entrevista as alumnas que fixeron un intercambio en Oslo

 No pasado mes de setembro 4 alumnas do noso centro estiveron un mes nun intercambio en Lorenskog, moi preto da capital norueguesa. Hoxe o EDL fíxolle unha pequena entrevista sobre a experiencia.


venres, 17 de xuño de 2022

Premios Ofelia Devesa

 O pasado martes 14 de xuño entregamos os premios dunha nova edición do concurso "Ofelia Devesa", de vídeos que divulguen coñecento. Neste caso, os gañadores das súas categorías trataron temas tan interesantes como o mund maker, a guitarra ou os grafittis. Para a ocasión, estivemos acompañados do patrocinador do premio, o avogado Carlos Lema e Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística. Longa vida a este concurso e parabéns aos premiados!



xoves, 19 de maio de 2022

Educar en Xustiza

 O pasado 16 de maio 28 alumnas e alumnos de 3ESO asistiron ao Xulgado de Instrución nº1 de Santiago de Compostela para presenzar varios xuízos. Amais ao rematar puideron falar coa maxistrada. Toda unha experiencia que nunca viviran tan de cerca.




Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

 Este ano, co gallo das Letras Galegas, continuamos a nosa escaleira literaria. E foron seleccionados uns poemas de F. Delgado Gurriarán nos que saúda a Otero Pedrayo e constitúen todo un ricaz catálogo de léxico valedeorrés.

Amais, o alumnado de 2ESO foi convidado a traballar sobre el e como resultado este fermoso "gurriagrama" (termo de Carlos L.) que nos fixo Aroa.




luns, 21 de marzo de 2022

Facendo o Dramawalker de Chévere con X. Ron

Dramawalker Vite é unha ficción sonora xeolocalizada, un paseo audioguiado polo barrio de Vite, onde está o noso centro, para recuperar a memoria urbana desta parte da cidade creada nos anos 60. Trátase dun proxecto desenvolvido en colaboración co Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego e o Grupo Chévere. E desta volta, o alumnado de 4ESO tivo a sorte de facer parte dese percorrido audioguiado e acompañado por Xesús Ron do Grupo Chévere. Con el descubrimos varias historias ocultas do barrio desde a Ponte Mantible ou a Ponderosa. Agora quen queira pode facer ese percorrido de seu clicando aquí. Moitas grazas Xesús. Un luxo.


mércores, 16 de febreiro de 2022

De volta coa música ao vivo: Caamaño & Ameixeiras

 Despois de dous anos sen poder desfrutar de música ao vivo no centro, o pasado venres 11 de febreiro o alumnado de 3ESO desfrutou dun concerto moi especial con Caamaño & Ameixeiras. E, coma sempre, o noso alumnado subiu con elas ao escenario compartir tanta arte. Agradecémoslle enormemente a súa implicación co noso proxecto e, sobre todo, que compartisen connosco 50 minutos inesquecibles. Vaia artistazas temos en Galicia! Para fachendear. Velaquí uns anaquiños.


mércores, 9 de febreiro de 2022

No cine tampouco hai fronteiras: Álvaro Gago

Onte parte do alumnado de 1BACH desfrutou dun evento inédito e dunha primicia: viu os primeiros minutos de Matria, a vindeira longametraxe de Álvaro Gago. E tenvos unha pintaza. E antes de asistir a esta primicia viron Matria, a curta xerminal desta longa; curta que, sen dúbida, debeu de ser unha das máis premiadas da historia do cinema galega e tanto aquí coma acolá. E amais, puideron compartir co director as súas sensacións e inquedanzas. Daquela, para o cinema galego tampouco hai fronteiras. Moitas grazas Álvaro por contar connosco unha vez máis para achegarnos a túa arte.



 


mércores, 19 de xaneiro de 2022

Un Premio Nacional de narrativa connosco: Xesús Fraga

 Onte, parte do alumnado de 1ºBACH tivo o luxo de poder asistir á presentación de Virtudes (e misterios), obra coa que o betanceiro Xesús Fraga acadou o Premio Blanco Amor e, logo, o Premio Nacional de narrativa en 2021. Durante unha hora Xesús Fraga compartiu co alumnado a historia familiar que conforma o libro e coa que deixou impresionado o alumnado. Sen dúbida, un luxo. E luxo o agasallo tamén