luns, 21 de maio de 2018

A Lola: teatro e guerra civil

Hoxe o alumnado de 1ºBACH e 4ESO tivo unha sesión teatral moi especial no propio centro. Dende Pontevedra chegou o grupo de teatro amador Avelaíña Teatro para poñer en encena A Lola, texto de Manuel Ayán (laiovento) que amais fai o papel de D. Federico. Como di na ficha técnica " Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista". A obra transcorre fundamentalmente no 1936 e no 1965 e reflicte un momento dramático do noso pasado recente. Daquela hoxe sobre as táboas do noso escenario, unha auténtica lección de historia. E despois da representación, tocou o diálogo co público.


venres, 11 de maio de 2018

Unha visita moi especial: o alumnado de galego do IE Cañada Blanch de Londres

O pasado mércores 9 de maio recibimos unha visita moi especial: 44 alumnas e alumnos dos preto de 100 que estudan galego no IE Cañada Blanch de Londres e que podedes seguir na súa web Fala Londres e nas redes sociais (facebook, twitter e instagram) no perfil Galego en Londres. 
Como veredes no vídeo, foi unha mañá intensa: primeiro, obradoiros de papiroflexia, ciencia, pandeireta, muiñeira e hóckey, impartidos case todos polo alumnado do centro. Logo unha xincana deportiva e por último unha visita a compostela que rematou co intento dunha muiñeira colectiva no Obradoiro e na Quintana. Sen dúbida, día espléndido para partillar lingua e emocións.

A lingua non para: O correlingua

Un ano máis participamos no Correlingua compostelán co alumnado de 1ESP. Para esta ocasión elaboraron unha pancarta inspirada nun cartaz de Rodchenko no que unha voz feminina berraba "libros, libros, libros". Pois nós berramos "Lingua, lingua, lingua".