xoves, 21 de decembro de 2017

Xurxo Gago: unha experiencia antártica

E o día 20 de decembro rematamos as actividades de EDL do trimestre de novo coa Antártida como tema; desta volta co investigador da Universidade das Illas Baleares Xurxo Gago Mariño quen hai non moito estivo na base polaca Henryk Arctowski na Illa do Rei Xurxo para ver como as plantas poden adaptarse a climas extremos.


martes, 19 de decembro de 2017

Ops!! Obradoiro de portugués

Un ano máis e, resultado da colaboración co Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela tivo lugar esta tarde o obradoiro de portugués "Ops" para o alumnado de 4ºESO. A xulgar polas valoracións que fixo o alumnado, un auténtico éxito que cómpre repertir.

Rolda de prensa (4): Antonio, Dani, María e Óscar

E hoxe nesta sección presentamos a relación de unha rapaza e tres rapaces co deporte, un tanto distinta da dos anteriores: neste caso non practican ningún de forma regular.

A Xustiza ante a violencia de xénero: fala unha xuíza

Para hoxe o EDL organizou a visita de M. L. Pampín, xuíza compostelá titular nun xulgado de Barcelona para falarnos dos distintos tipos de delitos tipificados como de violencia de xénero e das súas repercusións penais. Aprendemos moito e deixámosvos un pequeno fragmento da súa intervención.



luns, 18 de decembro de 2017

Cartas de inverno: videocreacións e booktubers

Gústanos moito cando o alumnado crea a partir dunha obra literaria. E máis aínda cando se divirte. Velaquí algúns exemplos de traballos audiovisuais que xurdiron tras a lectura de Cartas de inverno por parte de alumnado de 3ºESO.
De primeiras, as video-creacións de Alicia, Uxía, Yasmina e Marina realizadas con cámara convencional e móbil respectivamente.

--
--
E tamén temos mostras de quen preferiu converterse en incipientes booktubers e o resultado non está nada mal, ao noso modo de ver:






martes, 12 de decembro de 2017

Falando con...Guadi Galego.

Hoxe o alumnado de 3ESO que participa no proxecto "Coa música para outra parte" participou nunha conversa con Guadi Galego, artista que encabeza polo de agora a nosa lista musical.. Falamos de música, de machismo, de experiencias vitais e de amor. 




martes, 28 de novembro de 2017

25 de novembro: video-cartas

O 25 de novembro é o Día Internacional contra a Violencia de xénero. Desta volta, unha das actividades que argallamos co alumnado foi a elaboración de cartas a un maltratador, tomando a idea do concurso "Dillo a  quen maltrata" que dende hai anos celebra o Concello de Lalín. Hoxe deixámosvos dúas vídeo-cartas realizadas por dúas alumnas de 3ºESO. Contundentes.



venres, 10 de novembro de 2017

De cine con Ángeles Huerta, directora de "Esquece Monelos"

Hoxe o alumnado de 3ESO tivo o privilexio de compartir unha hora con Ángeles Huerta, directora de Esquece Monelos, filme que se pode ver en todo o país. E non só compartiu connosco fragmentos e experiencias relativas a este filme senón que tamén puidemos ver a súa última curta de ficción Próxima estación, San Sadurniño. Sen dúbida, todo un exemplo de profesionalidade e compromiso o desta directora asturiana de orixe e, afortunadamente para nós, instalada tamén na nosa lingua e cultura.



venres, 3 de novembro de 2017

Rolda de prensa (3): Roi e Gael, multideportistas

Hoxe ides coñecer a Roi grazas a unha entrevista exhaustiva das súas compañeiras e compañeiros. Practica moitas actividades deportivas como a escalada, o bádminton, o xadrez ou o baile galego.





martes, 31 de outubro de 2017

Día da Ciencia en Galego: A Antártida, un continente extremo.

Este ano no IES Xelmírez II adiantamos o Día da Ciencia en Galego pois o 4 de novembro é sábado. Daquela, e dado que un dos temas eran as viaxes científicas, convidamos a Luis Sampedro, investigador das MBG e do CSIC e que hai nada estivo de viaxe de investigación na Antártida. Pois esa súa experiencia trasladóunola hoxe ao alumnado de 1º e 3ºESO dun xeito ameno e emocionante. Deixámosvos un vídeo cunhas fotos e cunha pequena entrevista realizada por alumnas do EDL.


venres, 6 de outubro de 2017

Rolda de prensa: Cristina e Jose, futbolistas.

Empezamos unha sección que lle imos chamar "Rolda de prensa" onde o alumnado vai ir facendo preguntas a outras compañeiras e compañeiros sobre os seus gustos, afeccións, etc. Hoxe, alumnas e alumnos de 1ESO entrevistan a Jose que se vai co Celta xogar un torneo a Qatar. Moita sorte.


E velaquí Cristina, outra rapaza con moi bo futuro.

martes, 3 de outubro de 2017

Un río de palabras

Co alumnado de 3ºESO enchemos o instituto de palabras, de comezos de libros que sempre recordamos e recordaremos, de poemas que espertaron en nós moitas emocións... E esta idea roubámola dun fragmento da novela O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz. Velaquí o vídeo resultado desta intervención:

Empezamos youtubeando

A finais do curso pasado deixaramos sen resposta unha question tag que nos enviaran dende a Biblioteca do IES Laxeiro de Lalín. Pois aí vai a resposta:


Amais tamén vos presentamos a Martín, un auténtico gamer de 1ºBach. Velaquí falando dun videoxogo que creou un compostelán, o Planet Base.

mércores, 14 de xuño de 2017

Subtitulaxe en linguas minorizadas: 2º premio Ofelia Devesa

E faltábanos por poñer o segundo premio no certame Ofelia Devesa. Neste caso é un traballo realizado por tres alumnas de 1ºBach sobre subtitulaxe en llinguas non hexemónicas que se desenvolve na facultade de xornalismo.


luns, 12 de xuño de 2017

Premios Ofelia Devesa: 3º

Velaquí vos deixamos o traballo audiovisual que foi merecedor do terceiro premio no pasado Premio Ofelia Devesa que se celebrou no noso centro. Neste caso, un grupo de alumnos de 1ºBACH tenta divulgar o que é o CERN e en que proxecto relacionado con este centro de investigación se traballa no laboratorio de partículas da Facultade de Física da USC.

luns, 5 de xuño de 2017

1ºPremio Ofelia Devesa

O pasado venres 2 de xuño fallouse o Premio Ofelia Devesa. O primeiro premio, concedido polo xurado, foi para este vídeo elaborado por unha alumna de 2ºBACH sobre novas maneiras de quentarse.


II Premio Ofelia Devesa

O pasado venres 2 de xuño tivo lugar no salón de actos do noso centro a entrega do II Premio Ofelia Devesa que patrocina D. Carlos Lema Devesa. O tema deste ano era a elaboración dun vídeo no que se divulgase un tema de innovación. Ao acto de entrega asistiron D. Carlos Lema Devesa, D. Valentín García, secretario Xeral de Política Lingüística e D. Manuel Dios, concelleiro de Educación de Santiago de Compostela, sendo a anfitrioa a directora do IES Xelmírez II Dona Ana Alonso. 
Os temas dos vídeos presentados foron moi diversos: a recreación do big ban en laboratorio, a subtitulaxe en linguas minoritarias, a impresión en 3D, a utilización de animais para determinadas enfermidades, a escola Semente, o sintetizador de voz Cotovía, a biopsia líquida ou novas formas de calefacción.
Velaquí unha foto c@s premiad@s:

martes, 30 de maio de 2017

Aldaolado e as Letras

O pasado 16 de maio festexamos no centro as Letras Galegas con Aldaolado, o dúo que forman Lucía Aldao e María Lado. Durante unha hora desfrutamos moito coa súa música, cos seus poemas, co seu humor e cun cadavre exquisito final. Velaquí algunha imaxe do acto:


luns, 8 de maio de 2017

Correlingua 2017

Hoxe estivemos de festa con outra rapazada doutros centros composteláns e da comarca. O motivo: celebrar a nosa lingua. E camiñamos, cantamos, bailamos e ata gañamos o segundo premio coa nosa pancarta. Así que gran xornada para festexar que somos galegas e galegos. Velaquí a proba: 


Correlingua 2017

mércores, 3 de maio de 2017

Presentación do concurso Quero cantar

Onte 2 de maio tivemos na biblioteca do centro a presentación do concurso Quero cantar, organizado pola Deputación de A Coruña. Para a ocasión contamos coa presenza da vicepresidenta dese organismo, Goretti Sanmartín. Explicounos non só as bases deste concurso para música e letra en galego orixinais senón tamén o importante que é a música no desenvolmento normal dunha lingua entre a xente moza. E o final do acto foi cunha actuación musica dun grupo do centro.


martes, 18 de abril de 2017

Uxia e Sérgio Tannus en concerto

O pasado 7 de abril tivemos a oportunidade de asistir a un marabilloso concerto que nos ofreceu Uxía acompañada do guitarrista Sérgio Tannus. Foi un concerto moi especial e cheo de emocións no que a artista lle brindou a Yadhira a oportunidade de compartir con ela o escenario para interpretar o xa mítico "Alalá das Mariñas". Todo un agasallo do que vos queremos facer partícipes. Desculpade a calidade do vídeo. Culpa da emoción.
Velaquí a mostra:


martes, 4 de abril de 2017

De libros e tiras cómicas

Parte do alumnado de 1ESO que fai a optativa de Información e técnicas de investigación agasallounos hoxe con estas viñetas realizadas coa aplicación stripgenerator. Nótase sobre o que estivemos traballando este trimestre.

Made with Padlet

luns, 27 de marzo de 2017

Moucha Ceibe: a nosa primeira booktuber

Eva C. é alumna de 1ºBach e acaba de crear a súa canle propia. Ameaza con ser unha auténtica booktuber e non só iso. Non perdades de seguila. Aquí o seu primeiro vídeo sobre Morning Star de X. Miranda.

luns, 20 de marzo de 2017

Física de partículas en galego

Hoxe o alumnado de 2ºde Bacharelato tivo a oportunidade de escoitar a conferencia titulada "Da beleza das simetrías aos experimentos no CERN" impartida por Carlos Salgado. Carlos Salgado é profesor de Física de partículas da USC e amais desenvolve un proxecto no CERN para o que a UE lle concedeu hai algúns anos o financiamento necesario. Daquela un oportunidade que ten o alumnado de decatarse que a nosa lingua é válida para transmitir calquera tipo de coñecementos, os científicos tamén, malia todo.


venres, 24 de febreiro de 2017

Entroido

Hoxe foi un día de festa. Despois de traballar nas aulas coas distintas formas de celebrar o entroido en Galicia, decidimos celebralo á nosa maneira compostelá. 


Quen fora pedra: homenaxe a Rosalía

O 23 de febreiro homenaxeamos de novo a Rosalía, desta na Alameda de Santiago de Compostela. Un grupo de alumnas e alumnos de 1ºESO participou nun acto convocado pola Deputación de A Coruña diante da estatua de Rosalía da Alameda. Tratábase de celebrar o 180 aniversario do seu nacemento e o centenario da famosa estatua realizada con diñeiro dos centros galegos da emigración. Aquí vos deixamos un pequeno vídeo do acto coas palabras de Noa e Óscar e as imaxes de Brais.

luns, 20 de febreiro de 2017

De invasións biolóxicas

Hoxe 20 de febreiro o alumnado de 2ºBach asistiu a unha conferencia da bióloga da USC Inmaculada Romero Buján. Esta especialista en Botánica informou o alumnado dos perigos das novas invasións de plantas exóticas que alteran o noso ecosistema. E como non, acabamos falando da couza das patacas. Velaquí unha foto coa profesora do departamento de Ciencias ao rematar o acto na cafetaría do centro.

venres, 17 de febreiro de 2017

#Rosaliate coa AELG

Dende o IES Xelmírez 2 de Compostela respondemos ao chamamento da AELG con dous mannequin challenge feitos polo alumnado de 1ESO usando fragmentos do prólogo de Cantares Gallegos. Agardamos que vos gusten


E tamén estoutro

E o último,

mércores, 1 de febreiro de 2017

Lingua e ciencia

O pasado 31 de xaneiro tivemos o pracer de recibir a visita do profesor da UDC, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño. Nesta ocasión o alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu a unha marabillosa presentación xurdida tras as súas experiencias nunha viaxe de 11 meses ao redor do mundo. Con el coñecemos como se formaron montañas e volcáns, como se vive na sabana ou o estruendo dos glaciares ao derrubarse. Agasallounos con todas as súas experiencias que, en breve, contou, sairán publicadas nun libro titulado Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo.



mércores, 25 de xaneiro de 2017

Lingua e solidariedade

Estes últimos días do mes de xaneiro o noso centro recolleu material solidario (roupa e comida) para a ONG Families4peace que traballa con refuxiados en Grecia. Dende o EDL tamén colaboramos non só rotulando as caixas en galego e inglés senón que todo o alumnado de 1ESO lle escribiu unha carta a unha amiga/o descoñecida/o que está nos campamentos e que lles fará chegar a propia ONG cuxos integrantes galegos farán de mediadores lingüísticos.



De cine con Álvaro Gago

O pasado luns 22 de xaneiro tivemos o pracer de asistir á presentación de dúas curtas do director de cine Álvaro Gago, contando coa súa presenza: Bombolles e a gañadora do Festival de Cans, Curricán. Para esta ocasión foi o alumnado de 2ºESO quen puido desfrutar do cine deste galego que traballa dende Londres e que agora está en Galicia co seu último proxecto, Matria, que pretende desenvolver mediante unha campaña de crowdfunding que ben nos explicou en que consistía.
 


 

xoves, 19 de xaneiro de 2017

Nós con bicos na lingua

O pasado 16 de xaneiro o alumnado de 3ESO tivo a sorte de asistir ao espectáculo Bicos con Lingua no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Esta obra leva moitos anos en cartel e xa é un auténtico clásico que non perde actualidade canto ás cuestións sociolingüísticas que trata.

mércores, 11 de xaneiro de 2017

Luz Paz: arquitectura en galego

Hoxe 11 de xaneiro tivemos a sorte de contar no centro coa arquitecta e profesora da UDC Luz Paz Agras. Na sala de usos múltiples a arquitecta, natural de Xermade, achegoulle ao alumnado de 1ESO algúns principios fundamentais da arquitectura. E tamén nos deu múltiples ideas para mellorar aspectos do noso centro usando materiais reciclables, pintura, mandeira ou simplemente cores ou reflexos. Foi unha charla moi amena e instrutiva.