Outro ano máis foron entregados os Premios Ofelia Devesa que patrocina a familia Lema Devesa para a diculgación de coñecemento en lingua galega. Desta volta os vídeos presentados abrangueron temas moi variados: dende a historia da nosa próxima Ponte Mantible ata o autismo ou o zurdismo. Parabéns para as gañadoras e para os gañadores.
venres, 22 de maio de 2026
mércores, 7 de maio de 2025
O Dr. Carlos Rábade e Borja Iglesias, en campaña contra o tabaquismo
Onte 6 de maio o alumnado de 1BACH asistiu a unha campaña a prol do estilo de vida saudable e contra a tabaquismo que organizamos xunto coa Fundación Celta de Vigo. Neste caso, contamos coa presenza do director da Fundación, Germán Arteta e do patrono Rubén Martínez. A parte profesional púxoo o pneumólogo do CHUS, o Dr. Carlos Rábade e apoiando esta campaña o xogador picheleiro do Celta, Borja Iglesias.
Na hora da quenda de preguntas, produciuse un intercambio moi animado, sobre todo co futbolista, ao redor de moitos temas. Velaquí por exemplo, a resposta ao tema do seu posicionamento coa nosa lingua:
Tan só podemos agradecer á Fundación Celta de Vigo, ao Dr. Rábade e ao xogador Borja Iglesias por permitirnos desfrutar dunha tarde ben interesante e frutífera. A mágoa que nos queda é a de non ter una salón de actos máis grande ante o interese suscitado.
venres, 4 de abril de 2025
Ciencia en galego: o noso STEM, en galego
O xoves 20 de marzo o noso alumnado de STEMBACH fixo que nos sentiramos orgullosxs delxs pois ofreceron varias leccións: a primeira, uns traballos científicos moi ben elaborados e dignos xa de universitarios, como repetiron varias veces as persoas que os/as xulgaban; a segunda: todos os traballos (do ámbito da física, bioloxía, bioquímica e psicoloxía) foron defendidos en galego; a terceira: na quenda de preguntas, contaxiaronlles a lingua tamén ao tribunal. Daquela, só parabenizalos.
Agora só nos queda desexarlles sorte para o Stephen Hawking
luns, 24 de febreiro de 2025
O mar, o mar, quen o foi levar
O pasado 7 de febreiro o alumnado de 1º da ESO desfrutou dunha conversa inesquecible cun dos nosos mellores divulgadores do mar: Rogelio Santos Queiruga. Amor polo mar, polos peixes, ecoloxía e ecoloxía lingüística tamén. Eses son algúns dos eixos sobre os que vertebra non só os seus vídeos senón tamén eses momentos que saca dos seu traballo para partillar experiencias e coñecementos tan necesarios coa rapazada. Unha vez máis, grazas.
mércores, 8 de xaneiro de 2025
Historia dunha pinga de mel
O paso 18 de decembro o alumnado de 1ESO coñeceu o mundo das abellas de primeira man grazas ao biólogo Suso Asorey, un dos nomes propios da apicultura en Galicia. Contoulle á rapazada e ao profesorado como funciona un enxame, unha colmea e ata nos ensinou a facer candeas e a súa última argallada necesaria: os hoteis para polinizadores que xa vemos por algúns parques composteláns. E prometeunos facer un con Club de Ciencia para o noso centro. Un luxo
mércores, 10 de abril de 2024
Presentación dos traballos de STEMBACH: en galego.
A finais de marzo o noso alumnado de STEMBACH presesentou as súas memorias de investigación que corroboran que traballaron e investigaron moito durante dous anos. A presidenta do tribunal, a decana de Matemática, Dna. Elena Vázquez Cendón salientou a calidade deles á altura de moitos TFG. Porén nós queremos sumarnos aos parabéns non só pola calidade senón tamén por sermos un centro onde o noso alumnado presenta de xeito maioritario os seus traballos de investigación na nosa lingua. E, sen dúbida, é unha acción de normalización signa de loanza.
luns, 22 de maio de 2023
STEMBach en galego
A finais de marzo alumnado do noso IES que fai o STEMBach pasou o seu traballo de fin de curso diante dun tribunal. Congratúlamonos de que tres deles elixiran o galego como lingua do seu traballo e tamén como lingua vehicular da súa defensa. Non deixa de ser unha mostra máis de que a nosa lingua é válida para a transmisión de calquera tipo de coñecementos e de calquera ámbito. Grazas rapaces e grazas ao profesorado que os animou nesa encomenda.
venres, 24 de febreiro de 2023
Lunáticxs, aluadxs, ...Sobre o influxo da lúa
E hoxe visitounos Manuel Vicente, director e presentador do mítico programa Efervesciencia para falarlle ao alumnado de 2ESO sobre o influxo da lúa na vida cotiá. Por exemplo, é verdade que cando hai lúa chea hai máis partos? Nós xa o sabemos cientificamente. Unha auténtica marabilla escoitar a un dos nosos principais diculgadores científicos.
A que cheira a comida?
Con este título chegou onte ao noso centro un dos obradoiros científicos máis interesantes e divertidos dos últimos tempos. E veu da man dun dos nosos grandes divulgadores e científicos: o profesor de Fisioloxía da UDC, Casto Rivadulla. Grazas a el o alumnado de STEMBach e do Club de Ciencia coñeceu algo máis dun dos sentidos máis "inútiles": o gusto. Grazas a unha morea de prácticas e experiementos soubemos da importancia que teñen o olfacto e a vista nas cuestións dos sabores. Un auténtico luxo que agardamos se poida repetir pronto.
sábado, 19 de novembro de 2022
Polo mes da ciencia: S. Castro, profesora de Química da UDC
O xoves 17 de novembro celebramos o mes da ciencia en galego. E desta volta contamos coa presenza da Dra. Socorro Castro García, profesora de Química no grao de Nanotecnoloxía e Nanociencia na UDC. E ben que aproveitamos a súa presenza connosco no centro. Pola mañá ofereceu para o alumnado de 4ºESO unha conferencia titulada "Que facemos as (persoas) científicas" onde debullou polo miúdo algunhas das claves do método científico. E, pola tarde, compartiu co alumnado de Stembach unha morea de experimentos relacionados co hidróxeno: puxeron a andar un coche de hidróxeno ou acabaron mergullando en hidróxeno líquido flores, pelotas, globos,...Sen dúbida, unha experiencia para repetir.
venres, 19 de novembro de 2021
Científicas pioneiras: Isabel Zendal e Ánxeles Alvariño
Onte o alumnado de 1ºESO tivo a oportunidade de achegarse a dúas científicas galegas pioneiras: Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal. E fíxérono de forma lúdica grazas ao obradoiro impartido por Fátima Rodríguez coa colaboración do Fondo Xacobeo21. Aquí vos deixamos algunha foto dunha xornada intensa e divertida, inserida dentro das actividades deste mes da ciencia en galego.
venres, 15 de outubro de 2021
Rogelio Santos: o influencer do mar
Hoxe inauguramos as actividades presenciais do EDL coa presenza dun mariñeiro que, nos últimos tempos ocupou moitos minutos nos medios de comunicación e nas redes sociais. Rogelio Santoa Queiruga. Ao longo de dúas sesións compartiu co alumnado de 1ESO as súas emocións como home do mar, como home que coida e terma do mar e, xa que logo, de nós tamén. Aprendemos de peixes e de nomes, en resumo, de ecoloxía. Agradecémoslle enormement a súa xenerosidade.
venres, 18 de xuño de 2021
V Premios Ofelia Devesa
O pasado 4 de xuño puidemos celebrar o V Premio Ofelia Devesa de Educación Activa. Para entregaren os premios aos mellores traballos de divulgación de coñecemento en formato vídeo, contamos coa preseza da directora do centro, do Concelleiro de Educación Rubén Prol e de Carlos Lema Devesa, patrocinador dos devanditos premios. Os traballos gañadores versaron sobre temas tan distintos como a soedade na xente maior, a bulimia ou a química na cociña. Aquí vos deixamos un breve resumo do acto.
martes, 18 de maio de 2021
Xurxo Mariño: sobre a evolución da linguaxe
Hoxe alumnado do 1ºBach tivo a fortuna de asistir a unha charla-presentación ao redor do seu último libro A mente que voa. Case dúas horas con este divulgador que, coma sempre, nos souberon a pouco. Dúas horas nas que ciencia, linguaxe e lingua foron da man. Moitas grazas, unha vez máis.
luns, 3 de maio de 2021
Luz Castro: enxeñeira informática e creadora multimedia
O pasado 26 de abril alumnado de 2ºBACH recibiu na aula a Luz Castro. Profesora na Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC é unha das especialistas máis relevantes na creación multimedia e, nomeadamente, no universo dos videoxogos. Por iso é deste tema do que cada semana a podemos escoitar no programa cultural Zigzag da TVG.
Desta volta, falounos de informática, videoxogos, lingua e, sobre todo, presentounos o Grao de Creación dixital, animación e videoxogos que ofrece a UDC e no que ela imparte docencia. Un luxo do que desfrutamos grazas á súa xenerosidade
xoves, 15 de abril de 2021
De paseo con Rosalía
O pasado 9 de abril un grupo de Bacharelato tivo unha mañá de actividades ao aire libre. En primeiro lugar, baixamos camiñando ata o Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela onde pasamos un par de horas desfrutando da exposición. De seguido, a profesora Mercedes Espiño agardábanos na alameda compostelá xunto a estatua de Rosalía para iniciar o roteiro vital da escritora pola cidade. E moito aprendemos, entre outras cousas, que a casa na que unha placa di que alí viviu Murguía non foi nunca tal cousa. Iso si, chegamos cansos ao instituto pero satisfeitos.

































