mércores, 20 de novembro de 2019

Dháunae de Vir: creadora dixital

Onte 19 de outubro o alumnado de 2ESO tivo unha visita moi especial: Dhaunae de Vir. Dhaunae é unha enxeñeira informática nacida en Cervantes e instalada dende hai hai entre Londres e Estocolmo onde, na actualidade, desenvolve o seu traballo en Paradox. Con moitos anos de experiencia no eido da creación dixital e de produtos transmedia, foi videoxogadora profesional e produtora e deseñadora de diversos videoxogos e xogos de rol. Tamén se aventurou no cinema onde chegou a conseguir un premio Bafta. E hai uns días foi unha das relatora do último Lgx15 onde transmitiu a súa preocupación polo uso da lingua nos contidos transmedia.
Hoxe estivo co noso alumnado falándonos dos seus proxectos e, sobre todo, respondendo a moitas das súas curiosidades nun dos ámbitos que mellor dominan. Por certo,, interesante a recomendación que lles deixou: "tedes que xogar menos tempo pero mellor, máis intelixentemente". Un auténtico luxo do que vos deixamos unha pequena mostra fotográfica.

martes, 22 de outubro de 2019

Os Dardos de Xoana

Luns 21 de outubro foi o día escollido por Xoana para presentar no noso centro, grazas ao apoio da Fundación Paideia, o seu disco Dardos. A verdade é que nos deixou sen alento coa súa profesionalidade sobre o escenario no que interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos; temas nos que a protesta e a reivindicación están presentes xunto con outros máis intimistas e sempre nunha lingua moi traballada e impecable. Despois de escoitala non nos estraña nada que fora finalista en sete categorías nos últimos premios MIN de música. Brava

venres, 18 de outubro de 2019

Guadi Galego e Pepe Cunha: pola beira da canción

Hoxe na nosa nova biblioteca tivemos o primeiro acto: a presentación do libro Pola beira da canción de Pepe Cunha, (do portal galego de comunicación musica, Ábrete de orellas)  sobre a  carreira artística de Guadi Galego, tipo de libro que supón unha novidade na nosa bibliografía.
E para celebralo contamos coa presenza tanto da artista como do escritor que nos debullaron o contido do libro e, sobre todo, falaron de música con preto de 70 alumnas e alumnos de 3ESO e 1BACH.  Un auténtico luxo. E grazas tamén a Iria que preparou esta presentación onde lembramos a súa actuación no noso centro hai un par de anos acompañada por alumnado.
Por certo, a partir do 25 a disposición de todos o seu novo traballo "Inmersión" que se presentará nas principais cidades e vilas galegas.

luns, 14 de outubro de 2019

Crick to game: videoxogo en galego

O pasado venres 11 de outubro o alumnado de 3ESO e o de Programación de 2ºBACH tivo a sorte de coñecer de primeira man como se crea un videoxogo. Para iso contamos no centro coa presenza de  Nicolás Casal de Fosfatina Studios e de Miguel Areán de Polygon.e Studios onde se elaborou Cricktogame o primeiro xogo galego e en galego para Nintendo Switch. Sen dúbida, un ámbito que empeza a coller pulo en Galicia, sobre todo, coa apertura do grao de Creación dixital.

venres, 4 de outubro de 2019

Empezamos con morcegos

Este ano empezamos as actividades do EDL falando de ciencia co alumnado de 1ESO, en concreto, dos morcegos de Galicia. Para isto, contamos coa presenza do biólogo Manuel Arzúa da Asociación Drosera que nos achegou moita e interesante información sobre a tipoloxía, hábitat e gran funcionalidade dos nosos morcegos. Dende logo que foi marabilloso escoitar a este especialista que deixou o alumnado con moitas preguntas que facerlle por falta de tempo. Terá que volver.


luns, 24 de xuño de 2019

Festa para rematar: DJ Suso Flores

E para rematar as actividades deste curso, estivo connosco Suso Flores un dos DJs máis reputados nas salas londinienses que fixo unha escapada para achegarse ata o noso centro. O compositor de Techno para meniños deixounos unha boa mostra da súa profesionalidade e do seu traballo nun set que preparou para a ocasión. Aquí unha foto xusto nos inicios.

Presentando a música de Vudú

O xoves 20 de xuño xa en plena recta final de curso tivemos a inmensa sorte de recibir no noso centro a Belém Tajes e Maritxinha, as dúas integrantes de Vudú. Grazas á colaboración da Fundación Paideia coñecemos o seu traballo musical baseado na tradición pero que tenta chegar a un público o máis diverso posible. Marabilla.