luns, 5 de xuño de 2017

1ºPremio Ofelia Devesa

O pasado venres 2 de xuño fallouse o Premio Ofelia Devesa. O primeiro premio, concedido polo xurado, foi para este vídeo elaborado por unha alumna de 2ºBACH sobre novas maneiras de quentarse.


II Premio Ofelia Devesa

O pasado venres 2 de xuño tivo lugar no salón de actos do noso centro a entrega do II Premio Ofelia Devesa que patrocina D. Carlos Lema Devesa. O tema deste ano era a elaboración dun vídeo no que se divulgase un tema de innovación. Ao acto de entrega asistiron D. Carlos Lema Devesa, D. Valentín García, secretario Xeral de Política Lingüística e D. Manuel Dios, concelleiro de Educación de Santiago de Compostela, sendo a anfitrioa a directora do IES Xelmírez II Dona Ana Alonso. 
Os temas dos vídeos presentados foron moi diversos: a recreación do big ban en laboratorio, a subtitulaxe en linguas minoritarias, a impresión en 3D, a utilización de animais para determinadas enfermidades, a escola Semente, o sintetizador de voz Cotovía, a biopsia líquida ou novas formas de calefacción.
Velaquí unha foto c@s premiad@s:

martes, 30 de maio de 2017

Aldaolado e as Letras

O pasado 16 de maio festexamos no centro as Letras Galegas con Aldaolado, o dúo que forman Lucía Aldao e María Lado. Durante unha hora desfrutamos moito coa súa música, cos seus poemas, co seu humor e cun cadavre exquisito final. Velaquí algunha imaxe do acto:


luns, 8 de maio de 2017

Correlingua 2017

Hoxe estivemos de festa con outra rapazada doutros centros composteláns e da comarca. O motivo: celebrar a nosa lingua. E camiñamos, cantamos, bailamos e ata gañamos o segundo premio coa nosa pancarta. Así que gran xornada para festexar que somos galegas e galegos. Velaquí a proba: 


Correlingua 2017

mércores, 3 de maio de 2017

Presentación do concurso Quero cantar

Onte 2 de maio tivemos na biblioteca do centro a presentación do concurso Quero cantar, organizado pola Deputación de A Coruña. Para a ocasión contamos coa presenza da vicepresidenta dese organismo, Goretti Sanmartín. Explicounos non só as bases deste concurso para música e letra en galego orixinais senón tamén o importante que é a música no desenvolmento normal dunha lingua entre a xente moza. E o final do acto foi cunha actuación musica dun grupo do centro.


martes, 18 de abril de 2017

Uxia e Sérgio Tannus en concerto

O pasado 7 de abril tivemos a oportunidade de asistir a un marabilloso concerto que nos ofreceu Uxía acompañada do guitarrista Sérgio Tannus. Foi un concerto moi especial e cheo de emocións no que a artista lle brindou a Yadhira a oportunidade de compartir con ela o escenario para interpretar o xa mítico "Alalá das Mariñas". Todo un agasallo do que vos queremos facer partícipes. Desculpade a calidade do vídeo. Culpa da emoción.
Velaquí a mostra:


martes, 4 de abril de 2017

De libros e tiras cómicas

Parte do alumnado de 1ESO que fai a optativa de Información e técnicas de investigación agasallounos hoxe con estas viñetas realizadas coa aplicación stripgenerator. Nótase sobre o que estivemos traballando este trimestre.

Made with Padlet